O ‘XXXI Festival de Habaneras’ rende homenaxe este sábado no Auditorio ao profesor Carlos Núñez Deza

As persoas amantes da música polifónica teñen este vindeiro sábado, 26 de xullo, unha cita no Auditorio Manuel María do Carballiño no ‘XXI Festival de Habaneras’ que cada verán organiza o Orfeón do Carballiño, cuxo presidente, Rogelio Rodríguez, e director, Cristian Casas, acompañaron esta mañá na presentación do evento ao concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

O edil apuntou que “este festival é tamén unha homenaxe aos nosos emigrantes, cunhas cancións seleccionadas de gran calidade, e por iso facemos un chamamento á veciñanza para que acuda con tempo para ocupar o seu asento no Auditorio e poida desfrutar desta marabillosa música”. Rogelio Rodríguez avanzou que participarán no festival, dende as 20,30 horas, as corais coruñesa Souto da Igrexa de Meirás (Sada) e a polifónica pontevedresa de A Cañiza, ademais da sempre presente Rondalla Alfaia de Cenlle e a agrupación anfitriona, o Orfeón.

O presidente do Orfeón tamén desvelou que a persoa homenaxeada nesta edición será Carlos Núñez Deza, profesor do Conservatorio Profesional de Música de Ourense e autor da publicación que recolle as partituras do mestre, fundador e exdirector da agrupación carballiñesa, José Luis Reza Cabano. Pola súa banda, Cristian Casas subliñou que “todo o pobo coñece a nosas gañas e implicación para facer este festival, que é a nosa actividade insignia e que leva o nome do Carballiño polo exterior”.

O director do Orfeón salientou, en referencia a Carlos Núñez, o seu papel de promotor de iniciativas musicais para a mocidade, coma é o caso do festival “Ourencanto”, no que participaron o ano pasado máis de 400 coralistas infantís e xuvenís de Ourense e de fóra da provincia, e ao que adicarán unha canción interpretada conxuntamente polos grupos participantes no festival.

Cristian Casas animou ao público “a prepararse para desfutar e gozar” nesta cita das 20,30 horas do vindeiro sábado 26, con entrada totalmente libre e gratuíta.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------