O Psdeg-Psoe de Ourense esixe ao PP e a Jácome o “desbloqueo urxente” en materia urbanística da cidade coa máxima transparencia e consenso político

Os socialistas solicitan a convocatoria da comisión do PXOM despois das últimas manifestacións do alcalde e solicitará un informe por parte do equipo redactor da viabilidade das propostas

Pregúntanlle ao PP se “está de acordo con estas propostas, anteriores a súa entrada no goberno, e tendo agora eles as competencias de urbanismo” e esíxenlle a Sonia Ogando que diga publicamente “se as propostas de Jácome son tamén as do PP”

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense esixe ao Partido Popular e a Jácome o “desbloqueo urxente” en materia urbanística da cidade coa máxima transparencia e consenso político. Os socialistas solicitan a convocatoria da comisión do PXOM despois das últimas manifestacións públicas do alcalde e anuncian que solicitarán un informe ao equipo redactor da viabilidade das propostas e tamén se preguntan se o PP “está de acordo con estas propostas expresadas polo rexedor, anteriores a súa entrada no goberno e esíxenlle a concelleira de urbanismo, Sonia Ogando, que diga publicamente “se as propostas de Jácome son tamén as do PP”.

Ante a recente volta ao goberno municipal do Partido Popular e a delegación específica de competencias en materia urbanística realizada polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o pasado venres, na que se fai público o nomeamento como nova concelleira de urbanismo, vivenda e PERI, da anterior responsable, Sonia Ogando, dende o Grupo Municipal Socialista esixen que “se poña fin ao bloqueo e desmantelamento sistemático nesta materia que vimos lastrando no último ano cando estas responsabilidades dependeron do actual rexedor”.

Os socialistas apuntan que é un momento “clave” para dirimir o futuro en materia urbanística da cidade e para pedir a “máxima” transparencia sobre as intencións que rexeran o futuro nos vindeiros dous anos de goberno do bipartito de PP e DO, ante as “notables diferencias e criterios postos de manifesto publicamente durante o que levamos de mandato”.

Tralas declaracións en nota de prensa do Concello de Ourense esta mesma mañá, os socialistas consideran que se confirma que Jácome “incumpre xa unha das súas liñas vermellas e promesas electorais de eliminar a coste cero as Torres do Miño, tal e como xa advertimos dende o primeiro minuto que ía acontecer”. O PSdeG-PSOE tamén reitera a súa petición de informes de viabilidade emitidos polos técnicos municipais e o equipo redactor sobre a posibilidade de construír o coñecido como rañaceos da Finca Mariñamansa. Documentación que xa foi requirida polos socialistas fai ano e medio e que a día de hoxe “non existe”.

Os socialistas tamén reiteran novamente a petición de documentación feita fai un mes sobre posibles cambios en novos usos e espazos libres e pregúntanse se “vaise a construír un parque das aventuras a carón do cámping municipal en Untes?, que leva paralizado 2 anos por nin tan sequera encargar e executar un proxecto de saneamento na zona”. As últimas declaración do alcalde no mencionado comunicado tamén propoñen unha modificación do plan para a construción dun parque acuático termal cando o PP ten outro proxecto para este entorno, tal e como anunciou na campaña electoral de 2019, e sen garantías nin tan sequera para conseguir financiamento do mesmo.

Sobre o novo PXOM e a súa futura aprobación anunciada por Jácome, o PSdeG-PSOE de Ourense lembra que “se atopa paralizada a comisión nomeada a tal efecto, dende o momento en que o PSOE esixiu que se puxeran sobre a mesa os informes técnicos que avalaran as chamadas liñas roxas de Jácome: o rañaceos de Finca Mariñamansa e a supresión das Torres do Miño a custe cero.

Recentemente, o alcalde anunciaba que seguía sen informes e xogaba a “ambigüidade” sobre se se ían a cumprir ou non os requisitos para o seu apoio a aquel plan que el mesmo cualificaba coma “cheo de pelotazos” por parte do PP. Por este motivo, solicitamos a convocatoria desta comisión de maneira inminente, co fin de aclarar as posicións de ambos partidos e que Jácome explique as modificacións previas a súa tramitación.