A Deputación reforza os servizos de Medio Rural, Infraestruturas e Parque Móbil con cinco novos vehículos “modernos, útiles e acordes ás necesidades dos concellos”

O presidente provincial, Luis Menor, acompañado polo responsable do parque da maquinaria situado no polígono de San Cibrao das Viñas, José Fírvida, coñeceu os detalles destes novos equipamentos nos que a institución ourensá inviste máis de 263.000 euros

Trátase de dúas furgonetas para transporte de animais vivos en situación de abandono e para transporte de alimentos frescos ás canceiras, dous todo terreo para brigadas de Medio Rural e Emerxencias e un furgón con taller móbil para o desprazamento a lugares de avarías

Ourense, 22 de xullo de 2025.

A Deputación de Ourense incrementa e renova o seu parque móbil coa incorporación de cinco novos vehículos, en concreto tres furgonetas e dous todo terreo, adaptados cadanseu con elementos específicos cos que poder ofrecer solucións eficientes nos diferentes servizos aos que serán destinados. O presidente provincial, Luis Menor, acompañado polo responsable do parque de maquinaria, José Fírvida, coñeceu os detalles desta nova maquinaria. “Son equipos modernos e útiles que nos van permitir seguir mellorando en servizos como medio rural, infraestruturas e o propio parque da maquinaria”, valorou Menor.

O organismo provincial realizou un investimento de máis de 263.000 euros para a compra destes cinco vehículos. “Con estas incorporacións damos unha resposta máis eficaz e acorde coas necesidades que demandan os concellos da provincia”, engadiu o presidente provincial.

Recollida de animais, desprazamento de brigadas e taller móbil

O primeiro dos vehículos é unha furgoneta adaptada segundo sinala a lei vixente para a recollida e transporte de animais vivos en situación de  abandono, extravío ou feridos co fin de trasladalos de forma adecuada ata as instalacións pertinentes xestionadas polo Servizo de Medio Rural.

Tamén se adquiriu outra furgoneta equipada con ventilación e caixa isotérmica, destinada para o transporte de alimentos frescos ás diferentes canceiras do Servizo de Medio Rural por parte de persoal formado exclusivamente en dita materia.

Un todo terreo 4X4 será asignado ás brigadas de Zonas Verdes integradas no Servizo do Medio Rural, co obxectivo de facilitar o desprazamentos de persoal, ferramentas e mercancías mormente a localizacións de difícil acceso orográfico.

Un segundo todo terreo 4X4, provisto con equipo frontal quitaneves, será para as brigadas de Emerxencias que forman parte da Área de Infraestruturas, e cuxa función precisa de vehículos e equipos específicos dado o carácter urxente polo que son requiridos estes profesionais.

Por último, adquiriuse un furgón adscrito ao Servizo do Parque Móbil e Maquinaria. O vehículo está adaptado como taller móbil e, no seu interior, dotado cos equipamentos necesarios para que o persoal especializado poida desprazarse ata o lugar das avarías e realizar in situ as pertinentes reparacións. Estes arranxos mecánicos supoñen un aforro importante no transporte de máquinas e vehículos a talleres e, asemade, optimizan o rendemento laboral en tempo e produtividade.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------