A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia parabeniza á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia cando se fan corenta anos de emisións da Televisión de Galicia, mais lembra tamén que é preciso tomar medidas para garantir a independencia e a profesionalidade dos medios públicos nun contexto marcado pola desinformación e a falta de credibilidade. |
Hoxe, 24 de xullo, fanse corenta anos desde que Dolores Bouzón lanzara a súa saúda desde os televisores galegos: “Señoras e señores, moi boas tardes. A Televisión de Galicia ten a ledicia de presentarlles a primeira programación da súa historia”. Con estas palabras comezaba a súa andaina a Televisión de Galicia, que sumada ás emisións radiofónicas que xa se iniciaran o 24 de febreiro dese mesmo ano, conformaban a Compañía da Radio-Televisión de Galicia (actualmente Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia), os primeiros medios públicos de Galicia e en lingua galega. Naturalmente, seguir a contar, catro décadas despois, cunha radio e unha televisión públicas que informen desde Galicia e que o fagan no idioma propio, só pode ser motivo de celebración desde a profesión xornalística. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia é unha ferramenta esencial para afianzar valores como a pluralidade informativa, o mantemento da lingua galega, a cobertura de todo o territorio, ou a atención á accesibilidade e a representatividade de colectivos marxinalizados mediaticamente. Alén diso, o grande número de profesionais que ao longo destes anos teñen traballado na corporación convértena nun referente central para a comunicación en Galicia. Con todo, corenta anos de vida non aseguran a supervivencia nuns tempos marcados pola desinformación e a desconfianza da cidadanía. Onte mesmo, Reporteiros Sen Fronteiras alertaba nun informe das ameazas que pairan sobre os medios audiovisuais públicos en Europa, como os problemas de financiamento ou as presións políticas que a meirande parte das persoas enquisadas considera que estes medios reciben. É urxente consolidar un modelo sólido e alleo ao poder político que garanta a continuidade e a independencia dos medios públicos galegos, como os seus profesionais teñen reclamado repetidamente nestes 40 anos. Esa é a liña na que apunta o Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, cuxo artigo número 5 entra en vigor o vindeiro 8 de agosto. O Colexio de Xornalistas xa manifestou reiteradas veces que considera a nova Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital un paso atrás no que fai á independencia dos medios públicos, así como contraria en forma e fondo ao citado regulamento europeo. Mais este retroceso non implica que non se poidan poñer en marcha instrumentos necesarios de participación da redacción e garantía da pluralidade, como o estatuto profesional ou o consello de informativos. Medidas como estas permitirán aos medios públicos recuperar a confianza da cidadanía nun contexto de crises múltiplas do xornalismo e farán que sigamos, ano tras ano, a celebrar a pervivencia duns medios públicos para Galicia. |
PUBLICIDADE
---------------------------------------------------------------------------------------------------