
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial con representantes da Asociación de nais e pais dos alumnos do Conservatorio de Verín para analizar a situación, o funcionamento e o equipamento desta infraestrutura cultural. Na xuntanza, Baltar confirmou que a Deputación de Ourense colaborará coa asociación para a adquisición de instrumentos musicais “para que o vindeiro curso os alumnos conten con novo equipamento, unha vez avaliadas por parte da Deputación as necesidades, perfectamente documentadas”, salientou o presidente.
Tamén expresou Baltar a disposición da Deputación de Ourense para celebrar no vindeiro mes de setembro unha reunión conxunta entre a institución provincial, a Asociación de nais e pais do conservatorio, o Concello de Verín e a Mancomunidade de concellos de Monterrei, “para falar do futuro do conservatorio e das acción conxuntas a levar a cabo neste sentido, pensando en clave comarcal”, comentou, recoñecendo “o traballo e a vocación da Asociación de nais e pais do Conservatorio, así como o seu interese e sensibilidade pola cultura, un esforzo que, sen dúbida, sempre paga a pena porque incide na formación dos nenos e mozos nunha disciplina, a musical, que tanto achega á educación das persoas”, destacou Manuel Baltar.