O BNG do Carballiño esixe ao goberno local medidas urxentes para asegurar o abastecemento de auga potable

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xa en agosto do ano pasado, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño rexistraba unha petición dirixida ao goberno local na que se solicitaban medidas que asegurasen o abastecemento de auga potábel e a calidade desta con medidas como o control de fugas na rede e analíticas máis completas. Asemade pedíase a restauración e limpeza das presas existentes, sobre todo das situadas augas arriba da captación, situada no lugar da Granxa, así como a posibilidade de enganche do concello de Maside e de partes do Carballiño ao bombeo do río Miño que, na actualidade, serve aos concellos de San Amaro, Punxín e Cenlle.

Pasado un ano destas peticións, dende a formación nacionalista veñen de comprobar “que non se chegou a facer nada, atopándonos a día de hoxe nunha situación de emerxencia na que periga o abastecemento de auga potábel para os concellos do Carballiño e Maside, por non falar do estado do río Arenteiro con sinais claros de esgotamento e contaminación ao seu paso pola vila”.

“Isto evidencia máis unha vez a falla de responsabilidade do actual goberno PP-PSOE convertido nunha comisión de festas sen preocupación algunha pola sostibilidade e o futuro do Carballiño, ou o que ven ser o mesmo, pola calidade de vida dos que aquí vivimos”, apunta Manuel Chan, secretario local do BNG.

Para o BNG, “o abastecemento de auga, a súa calidade e o propio Arenteiro son prioridade, debemos mirar máis alá de que o río sexa unha simple fonte de abastecemento e aproveitar as súas grandes posibilidades para a mellora da calidade de vida da veciñanza e a creación de riqueza ao seu redor”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------