Así o anunciou a secretaria xeral dos e das socialistas de Ourense, Natalia González, quen tamén solicitou a constitución do Consello Municipal da Memoria por parte do goberno de Jácome
No acto, conducido polos secretarios de memoria democrática provincial e local do PSOE, interviron o secretario de Memoria Democrática do PSdeG, Iván Puentes; o secretario provincial do partido, Álvaro Vila; o secretario xeral de XX.SS. de Ourense, Miguel Gómez e o secretario de organización de UGT de Ourense, Daniel Fernández
Ourense, 29 de xullo de 2025. A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense impulsa a creación dun grupo escultórico nos arredores do arquivo provincial para render homenaxe e lembrar ás vítimas ourensás durante a ditadura franquista. Así o anunciou a secretaria xeral do partido na cidade e voceira no Concello de Ourense, Natalia González, quen tamén solicitou a constitución do Consello Municipal da Memoria por parte do goberno de Jácome. “Un goberno que da as costas ao seu pasado non pode mirar cara o futuro”, salientou durante o acto de homenaxe á figura do primeiro rexedor socialista, Manuel Suárez, fusilado na madrugada do 27 de xullo de 1937.
As e os socialistas reclaman que o executivo local teña en conta as súas reclamacións históricas de que mude o nome á praza da Biblioteca Nós polo de Praza da II República e se constitúa como lugar de memoria o seu conxunto, dándolle forma cun grupo escultórico no que se inclúan os nomes de todas as vítimas. Así o presentarán por escrito ao pleno do vindeiro venres do Concello de Ourense.
Nesta ocasión, o xa tradicional acto de conmemoración contou coa presenza do secretario de Memoria Democrática dos e das socialistas galegas, Iván Puentes, que lembrou que o PSOE e o Goberno de Pedro Sánchez son un “garante histórico da liberdade e a democracia en España, especialmente importante nestes tempos máis grises que outros anteriores e nos que hai moitas liberdades en xogo polo avance da ultradereita”.
Ademais, quixo poñer o foco lembrando que “sin os mártires da II República, como Manoliño, non é posible entender os avances do actual Estado democrático que 40 anos de ditadura non foron quen de enterrar”.
Pola súa banda, o secretario de Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, recordou que, xunto a Manuel Suárez, perdeu a vida aquela madrugada de 1937 Antonio Taboada Nóvoa, que ocupaba o mesmo cargo que ela na actualidade a nivel provincial e que contaba con tan só 29 anos.
“Foron baluartes dun soño republicano que non terminou pola súa vontade, senón que foi brutalmente truncado por un golpe de Estado. Non nos equivoquemos: non houbo un levantamento nacional, senón un golpe militar que derrocou ao sistema democrático que o pobo español elixira”, defendeu na súa intervención.
Pola súa banda, o secretario de Memoria Democrática da CEP, Xosé Lois Carrión, realizou un repaso pola intensa traxectoria humana e profesional do homenaxeado: un socialista militante primeiro das XX.SS. e logo do partido e de UGT, presidente da sociedade de canteiros e tambor na banda de Ourense, edil no Concello en 1920 e en 1931, onde chegou á Alcaldía en febreiro de 1936, responsabilidade que ostentou ata o 22 de xullo de 1936 (data na que tivo que abandonar a súa casa para refuxiarse temporalmente na dun amigo seu que o acolleu). “Traballar na memoria é mirar polo futuro da nosa sociedade”, enxalzou.
Á homenaxe asistiron tamén o secretario de memoria democrática da CEM, Francisco Javier Quintas; o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila e o secretario de organización UGT, Daniel Fernández, e familiares do propio Manuel Suárez. Todos coincidiron en lembrar tamén a filla do fusilado, Lolita Suárez, incisiva e incansable militante socialista que continuou loitando polos mesmos principios de seu pai ata falecer, aos 100 anos, a finais do ano pasado.