A festividade da Virxe do Portal e o martes de Entroido serán os festivos locais en Ribadavia para o 2026

O Pleno da Corporación Municipal de Ribadavia aprobou onte os dous días festivos locais para o ano 2026, que se incorporarán ao calendario laboral do municipio. As datas escollidas son o martes 17 de febreiro, coincidindo co Martes de Entroido, e o martes 8 de setembro, día da Virxe do Portal, patroa de Ribadavia e da comarca do Ribeiro.

A festividade da Virxe do Portal é unha das citas máis destacadas do calendario local, xa que a capital do Ribeiro acolle durante catro días unha celebración en honra á súa patroa, tendo o 8 de setembro como xornada central. Unhas festas que, ademais, e de maneira extraoficial, supoñen a ‘despedida’ do verán en Ribadavia.

Estes dous festivos locais únense aos días non laborais xa previstos a nivel autonómico, que en 2026 serán o xoves 19 de marzo, San Xosé; o mércores 24 de xuño, San Xoán, e o sábado 25 de xullo, Santiago Apóstolo e Día de Galicia. Tamén se sumarán os festivos establecidos a nivel estatal, que son o venres 1 de maio; Día do Traballo; o sábado 15 de agosto, Asunción da Virxe; luns 12 de outubro, Día da Hispanidade; o martes 8 de decembro, Inmaculada Concepción, e, finalmente, o venres 25 de decembro, festividade do Nadal.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------