O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, descubriron hoxe unha placa de honra colocada no Pazo Provincial, na rúa da Cruz Vermella, nun acto simbólico de recoñecemento ao voluntariado da organización humanitaria polo seu compromiso e traballo desde a chegada da pandemia da covid-19, e como celebración anticipada do Día Internacional do Voluntariado que se conmemora o próximo 5 de decembro.
Ante o voluntariado que acudiu ao acto, Manuel Baltar afirmou que esta placa “é un recoñecemento xustísimo que fala de solidariedade e do exemplo de altruísmo que demostrades día a día, así como da vocación de servizo público que é a insignia desta organización”. Agradeceu que “esteades en todos os puntos da xeografía provincial para atender calquera necesidade”, apuntando que si no seu pasado persoal foi voluntario de Cruz Vermella “hoxe como presidente do goberno provincial sigo sendo voluntario para calquera cuestión que se me formule desde esta organización”.
Con este acto, engadiu, “lembramos as orixes de Cruz Vermella en Ourense, pero tamén falamos de futuro porque cando alá polo 2026 este Pazo Provincial sexa un gran hotel balneario, os visitantes poderán ver a pegada que deixou esta entidade e que seguirá a deixar nunha andaina na que, sen dúbida, vou seguir sentíndome orgulloso de facela convosco”.
Felipe Ferreiro explicou que “este recoñecemento e agradecemento público traslada ao voluntariado da organización na provincia de Ourense a placa de honra outorgada ao voluntariado do Movemento Internacional por Cruz Vermella Española, no pasado mes de maio con motivo do noso Día Mundial”, engadindo que a colocación da placa “non pode ser máis simbólica, na rúa que leva o nome da nosa organización e no lugar onde naceu en Ourense en 1893”.
“Somos unha organización da sociedade para a sociedade, e por iso nos puxemos desde o primeiro momento a disposición das administracións trala declaración do estado de alarma”, sinalou Ferreiro, que destacou o apoio da Deputación de Ourense para dar cobertura a todas as necesidades que xurdiron, así como tamén da cidadanía e o tecido empresarial ourensán.
Ademais do descubrimento da placa, o acto contou coa participación do gaiteiro maior da Real Banda, en representación de todos os músicos que contribuíron desde o 30 de xuño de 2020 á homenaxe que rendeu a Deputación ás vítimas da pandemia, interpretando cada día desde a torre da catedral Ourense no solpor, o himno oficial da provincia.
Na provincia de Ourense, a través do Plan Responde foron atendidas dende marzo do 2020 máis de 22.000 persoas, grazas á colaboración de máis de 500 persoas voluntarias que estiveron desde o primeiro momento en primeira liña, dando apoio ás persoas máis vulnerables e máis afectadas pola pandemia do coronavirus.