As deputacións de Ourense e Pontevedra estudarán unha candidatura conxunta ao programa europeo LIFE para crear corredores verdes transfronteirizos

O deputado ourensán de Medio Ambiente, José María Lago, e o deputado pontevedrés de Fondos Europeos, Javier Tourís, celebraron no Pazo Provincial o terceiro encontro para concretar as vías de colaboración entre as dúas institucións provinciais

Ourense, 1 de agosto de 2025.

As deputacións de Ourense e Pontevedra estudarán a posibilidade de presentar unha candidatura conxunta ao programa europeo LIFE para crear corredores verdes nas áreas transfronteirizas con Portugal de ambas as dúas provincias.

A iniciativa formulouse na reunión que mantiveron no Pazo Provincial ourensán o deputado delegado de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, José María Lago, e o deputado de Fondos Europeos da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, acompañados por membros das unidades de fondos europeos das dúas institucións.

José María Lago valorou “moi positivamente” o impulso que toma a colaboración entre as deputacións de Ourense e Pontevedra, subliñando que logo de tres reunións -a primeira en febreiro e a segunda a mediados de xullo- “comezan a  tomar corpo as propostas que viñamos analizando”.

Pola súa banda, Javier Tourís destacou que nestes encontros séntanse as as bases para colaborar en proxectos “que ambas administracións consideramos estratéxicos en novas alternativas de mobilidade sostible e iniciativas que afonden no respecto ao medio ambiente”.

A posible candidatura conxunta ao programa LIFE ten como horizonte a convocatoria de 2026 e pivotaría sobre a apertura de sendas verdes nas zonas transfronteirizas con Portugal, tanto na marxe do río Miño coma da Raia Seca. Os fondos europeos destinados a este plan -que xa cumpriu máis de trinta anos desde a súa creación en 1992- axudan a financiar proxectos relacionados co medio ambiente e accións polo clima, incluíndo iniciativas que transformen camiños en infraestruturas verdes.

Ademais de abordar outras posibles candidaturas conxuntas nos ámbitos da mobilidade e accesibilidade, na reunión tratouse tamén a colaboración entre as AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) de Raia Seca e Gerês-Xurés da que forma parte a Deputación de Ourense, maila de Río Miño, na que participa a Deputación de Pontevedra.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------