A ‘Semana Grande para Pequenos’ do Carballiño vén de rematar tras un variado programa de actividades lúdicas de balde para as familias, que se enmarca dentro do ciclo previo á celebración da Festa do Pulpo, que terá lugar o vindeiro domingo. Festa da escuma, inchables, deportes ou xogos acuáticos foron algunhas das propostas das que puideron desfrutar os centos de nenos e nenas participantes.
Diego Fernández, concelleiro de Cultura, destaca a boa resposta da poboación, que encheu cada día a Praza da Veracruz. “A Semana Grande remata cun balance moi positivo, tanto de asistencia como de valoración das familias. Os xogos acuáticos foron un éxito, xa que axudaron a levar mellor as altas temperaturas”, asegura Fernández, quen resalta a chegada de poboación doutros municipios da contorna. “As actividades chamaron a atención para que viñesen máis visitantes á vila, tanto da nosa comarca como do Ribeiro e de Ourense”, apunta.
O edil lembra a aposta do Concello do Carballiño por elaborar unha programación estival variada e dirixida a todos os públicos: “As actividades non paran, rematou a Semana Grande pero a programación cultural e a oferta lúdica para a cativada continúa”.