Representantes de tódolos grupos políticos da Corporación Municipal de Ribadavia estiveron presentes hoxe na inauguración oficial da nova Avenida Castelao e da escultura do ilustre galeguista colocada no acceso á antigamente denominada rúa Muñoz Calero. O pasado 31 de maio, o Pleno da Corporación Municipal de Ribadavia aprobara por unanimidade o cambio de nome da rúa Muñoz Calero, que pasou a denominarse rúa Castelao. Con esta decisión, a Corporación daba luz verde definitiva a unha medida que combina o cumprimento da Lei de Memoria Democrática co recoñecemento institucional a unha das figuras máis relevantes da cultura e da historia de Galicia.
Ao acto asistiron o alcalde de Ribadavia, César Fernández, xunto con integrantes do seu equipo municipal de goberno e dos grupos PSdeG-PSOE, BNG e Ribeiro en Común; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, e veciñas e veciños do municipio. César Fernández agradeceu ao resto dos grupos o seu apoio unánime á adicación da rúa a Castealo e salientou a súa importancia como referente histórica da defensa de Galicia. Nos mesmos termos pronunciouse Seixas Seoane, que lembrou a traxectoria humana, social e política de Castelao tanto en Galicia como na emigración. O acto rematou cun gaiteiro interpretando o Himno Galego.
A rúa Muñoz Calero —unha das principais vías do municipio, con 97 edificios numerados— levana o nome dun médico e político que ocupou diversos cargos durante a época franquista, entre eles o de presidente da Organización Médica Colexial de España e procurador nas Cortes. O seu nomeamento no rueiro de Ribadavia respondía a unha lóxica simbólica da ditadura que agora se revoga definitivamente, completando así a revisión toponímica de espazos públicos impulsada polo Concello en cumprimento da normativa estatal de memoria democrática.
A nova denominación, rúa Castelao, honra a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, autor de Sempre en Galiza, debuxante, político e símbolo da Galicia contemporánea. A escolla do seu nome enmárcase ademais no contexto do ‘Ano Castelao’, declarado oficialmente pola Xunta de Galicia neste 2025, e supón un acto de xustiza histórica e de afirmación colectiva da identidade galega.