
A organización das Xornadas de Folclore, ante a suspensión dos festivais nas distintas vilas por mor dos incendios, puxo en marcha unha serie de obradoiros de baile como actividade alternativa para os compoñentes das seis agrupacións folclóricas participantes nesta 40 edición, na que intercambian danzas e ritmos.
Os grupos de Filipinas e Ucraína foron os encargados onte de abrir esta iniciativa, mostrando ao resto parte do seu traballo. Hoxe a quenda é para Irlanda e Chile e mañá será Arxentina. Finalmente os membros do grupo Castro Floxo da escola provincial de danza do CCP Xaquin Lorenzo ensinarán o folclore da terra aos grupos participantes no festival.
Dende a organización sinalan que “aínda que os grupos mostran o seu desexo por bailar, entenden que os incendios e as consecuencias que implican, como cortes de vías limitando desprazamentos, a calidade do aire e a preocupación, tanto do persoal da organización como da poboación de Ourense, faga que se suspendan os espectáculos”.
Ademais dos obradoiros da tarde, a organización ofrece aos grupos polas mañás a posibilidade de ir ás piscinas de Oira, “o autobús fai os dous desprazamentos completos ofrecéndolles así outra alternativa para “distraerse” da situación na que nos encontramos” e contempla a posibilidade de ofrecer algunha visita guiada pola cidade.
Mañá será o terceiro día de suspensión das Xornadas, decisión motivada polo contexto da situación de emerxencia na provincia polos incendios forestais, tomada en coordinación cos concellos e baixo o principio de precaución e seguridade
A organización mantense á espera de futuras decisións cara ao martes e mércores, pendentes da evolución dos lumes en Ourense para tomar as decisións máis axeitadas.
As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.