A plataforma ‘Por un monte Galego con Futuro’ convoca mobilizacións para denunciar que a actual vaga de incendios que está a padecer Galiza é consecuencia directa da política forestal do PP, unha política forestal que, tal e como recolle o lema escollido para as protestas, “queima os nosos montes e as nosas casas”. A CIG, que fai parte da plataforma e que tomou a iniciativa de impulsar a convocatoria, fai un chamamento a participar nas 26 concentracións que terán lugar este xoves 21 de agosto por todo o país a partir das 20,00 horas.
No que respecta á provincia de Ourense, as concentracións terán lugar nas localidades de Allariz (Campo da Barreira) e Celanova (Praza Maior), así como na cidade capital (Praza Maior).
Con estas protestas en resposta á “traxedia ambiental, social, cultural e económica” que provocan os lumes preténdese evidenciar que entre as múltiples causas que están na súa orixe, como a mudanza climática, o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido son as que máis inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Con esta iniciativa tamén se quere denunciar que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) “é unha ferramenta inútil”, que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural.
A plataforma -integrada por máis de medio cento de colectivos, asociacións e organización- aproveitará ademais as mobilizacións para trasladarlle a solidariedade do pobo galego tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, “que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios”. Polo que insiste na necesidade de contar cun Servizo Público de Bombeiros/as Forestais “coa dimensión necesaria para atender a realidade existente”.