Espazo Común cualifica de “absurda” a contratación dunha brigada de incendios a finais de agosto

O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño vén de difundir un comunicado no que critica o anuncio, feito onte, 21 de agosto, polo propio Concello, da contratación dunha brigada de prevención de incendios, “despois das terribles escenas vividas nas últimas semanas e de que tiveramos o perigo ás portas cun incendio en Dacón o pasado domingo”. E cualíficano de “novo récord do absurdo do Concello do Carballiño”.

Un lume declarado neste pobo do municipio de Maside, “que, por certo, precisou da intervención do Grupo Municipal de Emerxencias pola ausencia dos bombeiros que estaban noutra incidencia”, apuntan dende Espazo Común. E engaden que,”tamén, por certo, fixo necesaria a intervención da motobomba doutro concello xa que O Carballiño só conta cun camión pequeno ao non ter arranxado en todo o ano o de gran capacidad”.

Iste grupo da oposición na Corporación subliña que “despois das innumerables queixas veciñais pola falla de cumprimento da normativa, e incluso de sufrir o abandono das áreas públicas, temos que ver como este grupo que nos dirixe (aludindo ao equipo de goberno integraddo por PSdeG-PSOE e PP) presume da posta en marcha desa brigada xa case en setembro”. E pregúntanse: “Para previr o qué? Hoxe por hoxe, non se pode facer ningún tipo de limpeza no monte con desbrozadora nin con calquer outra maquinaria polo risco elevado de incendio”.

Por outra banda, desde Espazo Común comentan que “mención aparte merece a ‘ocurrencia’, apadriñada e imposta polo alcalde accidental Pepe Castro, de arrebatar un vehículo ao Grupo Municipal de Emerxencias, que ademáis é propiedade da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, para darllo a esta brigada de última hora”. “Este é o nivel de planificación e organización do PPSOE do Carballiño”, conclúen.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------