A capital do Ribeiro prepárase para a celebración da novena de Nosa Señora do Portal, que dará comezo o vindeiro sábado, 30 de agosto, ás 10,30 horas, coa procesión de subida da Virxe dende a súa capela ata a igrexa parroquial de Santo Domingo. As misas da novena oficiaranse en Santo Domingo ás 8,00, 11,00 e 20,00 horas nos días de semana, e ás 9,30, 11,00, 12,00 e 20,00 horas os domingos 31 de agosto e 7 de setembro. Tamén haberá outros actos no decurso da novena, como son o Rosario das Antorchas, o venres 5 ás 22,00 h.; a Ofrenda das Nais, o sábado 6 e a Ofrenda da Confraría, o domingo 7.
O luns día 8 de setembro, festividade da Virxe do Portal, oficiaranse misas ás 8,00, 9,00, 10,00 e 20,00 horas na igrexa de Santo Domingo, mentres ás 10,30 horas terá lugar a procesión polas rúas de Ribadavia e, ás 12,00, a misa solemne presidida polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, e a ofrenda da comarca do Ribeiro á patrona, que este ano corresponde ao Concello de Beade e que lerá o seu alcalde, Fernando Taboada.
Xa o martes, día 9, haberá misas ás 11,00 e 18,30 horas na igrexa parroquial, e, ás 19,00, levarase a cabo a procesión do retorno da Virxe do Portal ao seu santuario.