Máis dunha trintena de actividades darán vida á ‘XXXVI Festa da Istoria’ de Ribadavia

Ribadavia xa latexa ao ritmo da Istoria. Veciñas, veciños e milleiros de visitantes volverán atoparse esta fin de semana nas nosas rúas para celebrar xuntos unha festa que é moito máis ca un evento: é unha tradición compartida, unha lembranza do noso pasado e un orgullo colectivo.

A programación da XXXVI Festa da Istoria, elaborada pola Asociación Coordinadora Festa da Istoria co apoio imprescindible máis de 500 voluntarias e voluntarios, inclúe máis de 30 actividades que encherán de música, teatro, xogos, gastronomía e recreacións históricas os recunchos máis senlleiros da vila.

O venres 29, a antesala do gran día, arrancará co X Concurso de Pintura Rápida e coa apertura do Campamento Medieval no Castelo dos Sarmiento, onde pequenos e maiores poderán mergullarse nos oficios e saberes doutros tempos. Pola tarde, as obras do concurso exporanse no club artístico, e ás 21:00 horas terá lugar un dos momentos máis simbólicos: a lectura do Bando da Istoria, acompañada polos Tabaleiros. A música e o teatro darán vida á noite con actuacións do Coro da Istoria, Ensemble La Lira, Kantantibus, Pandereteiras, O Malsín e o Grupo Coanhadeira.

O sábado 30, día grande, volverán as citas máis agardadas: o Gran Desfile da Istoria (co pregón a cargo de Pedro Valderey e o nomeamento de Notables), o Mercado Medieval, o Baile Medieval, a Voda Xudía, o Xadrez Vivente, os duelos de cabaleiros, a cetrería ou o Gran Torneo Medieval na Veronza.

Ata as 19:00 horas será preciso vestir traxe medieval para entrar no Castelo, onde se poderá asistir a recreacións como a vestimenta dun mercenario do século XV. De 19:00 a 22:00, a entrada será libre.

Como cada ano, o Banco da Alhóndiga permitirá cambiar euros por marabedís ata as 22:00 horas, un xesto sinxelo pero fundamental que axuda a soster e mellorar a nosa festa.

A xornada pecharase coa música tradicional de Tanto Nos Ten, que porán a bailar a Praza de San Martiño dende as 23:00 horas.

O domingo 31, o Mercado Medieval seguirá aberto de 12:00 a 22:00 horas, acompañado de música e animación polas rúas, para despedir con alegría e agradecemento a XXXVI Festa da Istoria.

Un ano máis, grazas á ilusión de todo un pobo, ao traballo da Asociación Coordinadora Festa da Istoria e á dedicación incansable de centos de voluntarios e voluntarias, Ribadavia convértese en escenario vivo da súa propiá historia.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------