O Arenteiro cae derrotado ante o Arenas de Getxo (2-1) na primeira cita da tempada

Partido de ritmo alto en Gobela para abrir a tempada do Arenteiro en Liga fronte ao Arenas Club de Getxo. Once de garantías que dispuxo Arribas para buscar os puntos no feudo rubronegro. Primeiros minutos de ida e volta, con alta intensidade nas accións e con ocasións en ambos territorios. O Arenteiro buscaba chegar en poucos toques á portería rival, procurando un xogo rápido e eficaz fronte a un rival ordenado que tiña en Diocou a súa referencia no ataque.
As ocasións sucedíanse na meta local con Romera como protagonista claro das mellores chegadas. Primeiro, tras un cabezazo de Llàcer, e despois nun man a man que o porteiro salvaba con eficacia. Tras un aviso en clara ocasión de Saka, serían os locais os que se poñerían por diante cunha gran acción individual de Diocou, que resolvía con calidade fronte a Diego. De aí ao final, os visitantes procuraban a superioridade a través de balón cruzado, aínda que sería de novo o Arenas quen rondaría con claridade a portería, outra vez cos mesmos protagonistas, esta vez con vitoria para o meta galego.

A volta de vestiarios traería unha expulsión no bando local e a superioridade numérica para os de Arribas. Incremento na posesión para o Arenteiro e mellora no manexo dos espazos para conseguir unha mellor ocupación dos mesmos, adiantando o bloque sobre terreo rival. Novamente Diocou probaba fortuna na meta verde, e o equipo visitante reforzaba a súa aposta ofensiva coa entrada de Adilson e Dani González.
O cambio de disposición e a mellor proposta traería o gol do empate, obra de Mingo a pase de Moreno, que mandaba o balón á rede tras un remate dende a área pequena. Empate moi merecido a tenor do visto sobre o céspede e premio para un Arenteiro que merecía ir por diante no marcador. A partir de aí, asedio sobre a área rival con bos centros cruzados e chegadas a remate, con posible penalti incluído sobre Llacer.
Malia a todos os esforzos realizados, unha xogada a balón parado ao fío da conclusión cristalizaría no segundo gol local, obra de Pablo García, tras adiantarse á zaga no envío para mandar o balón á rede. Durísimo castigo para un Arenteiro que mereceu moito máis.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------