O Concello de Ribadavia chama á “xenerosidade” da poboación para colaborar nas festas patronais

O Concello de Ribadavia vén de promulgar un bando da Alcaldía no que se fai un chamamento á xenerosidade dos diferentes sectores económicos e da veciñanza para que presten a súa colaboración ao financiamento das festas patronais da Virxe do Portal, que se celebrarán dende o vindeiro venres, día 5, ata o 9 de setembro.

“Queremos lembrarvos a importancia da colaboración de hostaleiros e hostaleiras, comerciantes e particulares para que todos poidamos desfrutar dunhas festas á altura da nosa tradición”, apuntan as autoridades municipais. E lembran que “as aportacións voluntarias recolleranse por persoal acreditado e identificado, que entregará o recibo oficial do Concello correspondente”, donativos que tamén se poden efectuar ao través do ingreso na conta do Concello en ABANCA subliñando o concepto ‘Festas do Portal’.

Dende o Concello ribadaviense agradecen á poboación “unha vez máis polo voso apoio e xenerosidade, fundamentais para que estas festas sexan posibles”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------