A ‘Festa da Istoria’ voltou a lembrar con éxito o pasado medieval da capital do Ribeiro

A localidade de Ribadavia volveu trasladarse á Idade Media durante a última fin de semana de agosto coa celebración dunha nova edición da Festa da Istoria, un evento consolidado como unha das festas medievais máis destacadas de Galicia e declarada de Interese Turístico Nacional. Esta 36ª edición, que encheu de historia as rúas do casco antigo, contou cunha participación sen precedentes: máis de 600 voluntarios convertéronse en corazón e alento da organización, nun esforzo colectivo valorado de xeito entusiasta por toda a coordinación do evento.

A festa exhibiu unha elevada capacidade de convocatoria: segundo estimacións, miles de persoas percorreron Ribadavia ao longo dos tres días, mergullándose nun escenario medieval repleto de máis de 30 actividades culturais e de lecer, que incluíron música, teatro, gastronomía, xogos tradicionais, exhibicións históricas, recreacións e moito máis. Ademais, os 55 postos de alimentación e artesanía puxeron á disposición de veciños e visitantes unha ampla variedade de produtos, sabores e oficios que complementaron o ambiente festivo e auténtico da vila.

Un dos acertos desta edición foi a consolidación da iniciativa do Mercado na xornada do domingo, que, tras estrearse o ano pasado con gran acollida, repetiu e reforzou o seu papel como momento clave de encontro, actividades e dinamización económica. Desde a organización consideráseno xa completamente afianzado dentro do programa anual.

A vicepresidenta da Coordinadora organizadora, Yolanda Gómez, destacou o éxito colectivo e aproveitou para facer un chamamento á comunidade: “Desde a Coordinadora damos as grazas a todos os veciños e veciñas que axudan a que esta festa cada ano se siga facendo, pero tamén queremos pedir máis axuda e implicación para que se poida facer todo aínda mellor e poder subsanar algúns erros que puidera haber houbo este ano”. A súa mensaxe reflicte a gratitude da organización e a mirada atenta cara ao futuro, buscando mellora continua e participación aínda máis ampla.

Ademais, desde a Coordinadora tamén destacan e recoñecen o papel fundamental das institucións públicas e dos patrocinadores, sen cuxo apoio económico, logístico e material esta festa non sería posible.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------