O Concello de Ribadavia pon en valor a Oficina Rural como punto de apoio aos afectados polos incendios

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia destaca a importancia da Oficina Rural do municipio, unha das 17 habilitadas en Galicia, como espazo de información e asesoramento para as persoas damnificadas polos incendios forestais. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe as instalacións para dar conta das oito liñas de axudas dispoñibles para explotacións forestais, gandeiras e agrícolas, que cobren ata o 100% do investimento e que poden chegar aos 200.000 euros por persoa.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, subliñou a relevancia deste recurso para o territorio. “A Oficina Rural de Ribadavia é un apoio fundamental nestes momentos difíciles. O noso obxectivo é que ningún afectado quede atrás e que todos os veciños e veciñas que sufriron danos poidan atopar aquí o acompañamento e a información que precisan para acceder ás axudas.”

Fernández incidiu tamén na necesidade de continuar traballando de maneira conxunta entre administracións para facer fronte a unha problemática que afecta de cheo ao Ribeiro. “Os incendios forestais son unha ameaza que require unidade, prevención e resposta rápida. Desde Ribadavia valoramos moi positivamente a dilixencia e celeridade coa que a Xunta actuou a hora de habilitar axudas para os afectados e afectadas, xa que son moitas as familias que perderon os seus bens e é importante actuar con rapidez para a súa reposición.”

Dende o Concello faise un chamamento a todas as persoas afectadas polas últimas vagas de lumes para que se acheguen á Oficina Rural de Ribadavia, onde recibirán asesoramento personalizado sobre os trámites e requisitos das diferentes liñas de axuda.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------