O sector apícola foi un dos grandes afectados polos incendios. Con todo, as axudas ofrecidas desde a Xunta de Galicia non reflicten as necesidades da produción de mel.
As abellas son fundamentais para a biodiversidade de Galiza e é preciso protexer as producións afectadas polo lume.
Adxuntamos audio de Brais Álvarez – Apicultor e integrante da Executiva do SLG
Galiza, 3 de setembro de 2025. Os lumes comezan a apagarse, pero as súas consecuencias están lonxe de desaparecer. Unha delas é os impacto no sector apícola, un ámbito ao que poucas veces se lle presta a atención que merece, pero que tamén resultou gravemente afectado pola vaga de incendios que arrasou Galiza este ano. Mentres as produtoras de mel se preguntan como alimentarán ás abellas este outono,as axudas anunciadas pola Xunta de Galicia non dan resposta real ás necesidades do sector.
Neste sentido, desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Galegas (SLG-CCLL) queremos amosar a nosa preocupación pola orde de axudas publicadas pola Xunta de Galicia para facer fronte ás perdas ocasionadas polos incendios forestais no sector apícola. Consideramos que as medidas anunciadas son insuficientes e non dan resposta á gravidade da situación que están a vivir centos de apicultores en todo o país. Tampouco garanten a viabilidade dos apiarios a medio e longo prazo.
Unhas axudas que non teñen en conta as necesidades reais do sector apícola
Unha das principais preocupacións radica na alimentación das abellas. As axudas para a compra de alimento das abellas só cobren un período de seis meses, pero nas zonas queimadas desapareceron por completo as matogueiras e outros recursos naturais dos que depende a produción melífera.
“Subvenciónase a compra de alimentación ata seis meses, algo que consideramos que é totalmente insuficiente”, explica Brais Álvarez, apicultor e integrante da Executiva do SLG. “Cando Rueda di que arderon penas a matogueiras, non está tendo en conta que é aí onde se alimentan as abellas. En seis meses iso non vai volver existir, polo que a axuda ten que ser por moito máis tempo se queremos que as abellas teñan que comer”.
De feito, mesmo alimentando as colmeas con alimento artificial para evitar a súa morte, os apicultores terán dificultades para obter mel de calidade nos próximos anos, xa que a comida artificial é cara e non alimenta do mesmo xeito que a proteína natural. Isto implica que moitas producións perderán varias colleitas e, polo tanto, os seus ingresos principais, algo que a orde de axudas non contempla. Por iso, no Sindicato entendemos que é imprescindible unha orde específica que cubra estas perdas de produción e ingresos, xa que, de non facelo, moitas produciónspoderían ter risco de pechar.
“Tamén está o anuncio xenérico de que os agricultores poderán dispoñer das terras do Banco de Terras, pero non se concretou nada máis”, denuncia Álvarez. “Esta medida, tal e como está formulada, resulta inviable para un apicultor que poida ter trescentas colmeas en zonas afectadas e que, de repente, se vexa obrigado a levalas setenta ou oitenta quilómetros máis alá para buscar novas fincas, con todos os custos que iso conleva. A apicultura non consiste simplemente en colocar caixas en calquera lugar; as colmeas precisan estar preto e en condicións adecuadas, algo que non está garantido coas propostas actuais”.
Outros problemas
A maiores do anterior, desde o SLG criticamos tamén o feito de que as axudas sexan por orde de presentación ata que se esgoten os fondos, xa que pode haber producións que as precisen, pero que non cheguen a tempo de pedilas.
Tamén, advertimos que a tramitación das axudas resulta excesivamente complexa, esixindo memorias previas e posteriores. Ademais, non concreta como se contabilizarán as colmeas afectadas nin se se terán en conta outros custos derivados, como os desprazamentos forzosos a novas zonas para colocar os apiarios.
As nosas esixencias
Por todo isto, desde o Sindicato Labrego Galego reclamamos á Xunta de Galicia que rectifique e amplíe as axudas, tanto no tempo como no alcance, que se teñan en conta as perdas de produción e ingresos dos vindeiros anos, e que se facilite e simplifique a presentación da solicitude para a subvención. Tamén, que se teña en conta o custo extra que supón para moitos apicultores ter que desprazar os seus apiarios a outras zonas para poder garantir a súa supervivencia, e que non se concedan as axudas por orde de petición.
As abellas non só son esenciais para a produción de mel, senón que desempeñan un papel clave na polinización dos cultivos e na preservación da biodiversidade. Sen elas, moitos ecosistemas e boa parte da nosa agricultura veríanse gravemente afectados. Protexer o sector apícola significa, en realidade, protexer a vida no campo e garantir a sostibilidade alimentaria e ambiental de Galiza.