ACTA CONCESIÓN PREMIOS BACELOS DE PRATA 2025
Sendo as 19:30 horas do día 6 de setembro de 2025 reúnense no Pazo dos Ulloa, en Esposende-Ribadavia, D. Avelino Muleiro García, presidente da Asociación Álvaro das Casas; D. Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; D. Clodio González Pérez, etnógrafo; D. Xosé Carballido Présas, enxeñeiro técnico da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e coordinador da IRGADE (Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros); D. Cándido Vázquez Mosquera, propietario da Casa dos Ulloa; D. Celso Domínguez, colleiteiro e Dna. Carme Pérez Vaquero, secretaria do colectivo Galeguizar Galicia no que se encadra a asociación Alvaro das Casas coa finalidade de valorar as propostas presentadas na
XVII edición dos premios Bacelos de Prata. Logo de deliberaren sobre as presentadas acordan conceder os premios do ano 2025 a:
EMBUTIDOS LALINENSE, empresa familiar fundada en 1949 en Agruchave – Lalín (Pontevedra) que ao longo de máis de sete décadas consolidouse como unha referencia no sector cárnico galego elaborando produtos de alta calidade que comercializa nos mercados do país e doutras comunidades como Madrid, Barcelona, Euskadi, Andorra, Levante, etc. A empresa distínguese pola aposta decidida da lingua galega en todos os ámbitos da súa actividade: a etiquetaxe dos produtos, a publicidade, a rotulación dos vehículos, a comunicación corporativa e mesmo as redes sociais, convertendo á marca nunha verdadeira embaixadora do noso idioma. Salienta o xurado que este compromiso explícito e sostido no tempo demostra que o galego é unha lingua moderna, útil e competitiva, que engade prestixio aos produtos tradicionais reforzando a imaxe do sector agroalimentario galego axudando a crear unha marca país diferenciadora nos mercados globais.
ADEGAS BORDEL, adega familiar situada en Sarandóns, Abegondo (A Coruña), integrada na IXP Viño da Terra de Betanzos, que no ano 2006 iniciou un proxecto de recuperación vitivinícola nesta comarca histórica culminado en 2018 coa creación da súa propia adega recuperando castes autóctonas como o Branco Lexítimo e o Agudelo e que xunto coas Mencía, Brancellao e Merenzao, elabora viños de recoñecida calidade como Bordelar, Xeixedo e Bordelar Tinto, contribuindo a devolver prestixio a unha zona que estivera practicamente desaparecida trala filoxera. Desde o inicio da andaina mantén un compromiso coa lingua galega en toda a actividade empresarial: o etiquetado, a facturación, a rotulación das instalacións e a promoción dos seus produtos realizándoa integramente en galego. Salienta o xurado que esta aposta polo noso idioma contribúe activamente ao seu prestixio social e á normalización como lingua de consumo facendo que chegue con naturalidade aos consumidores e consumidoras.
Sendo as 20:45 horas levántase a sesión do que como secretaria dou fe asinando ao pé os membros do xurado.