A compañía enerxética Driza Green Partners formalizou, o pasado mes de xuño, unha serie de acordos de colaboración con oito concellos da provincia de Ourense, marcando un fito na integración de proxectos renovables co desenvolvemento territorial. Os municipios de Chantada, San Cristovo de Cea, O Carballiño, O Irixo, Boborás, Leiro, Ribadavia e Beariz beneficiaranse destas alianzas estratéxicas vinculadas á implantación de cinco parques eólicos na rexión. Concretamente, estes parques son Agratina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestilou.
A diferenza do que esixe a normativa vixente, a empresa asumiu voluntariamente o compromiso de destinar ata un 2,5% dos beneficios xerados por estas instalacións a iniciativas de carácter social, cultural e ambiental. Este modelo de investimento comunitario estenderase ao longo do próximos trinta anos, coincidindo co ciclo operativo dos parques eólicos. Entre as principais accións previstas destacan programas de eficiencia enerxética en edificios públicos, proxectos de conservación do patrimonio histórico e natural, así como o apoio a manifestacións culturais de relevancia rexional. A mellora de espazos públicos mediante criterios de sustentabilidade ambiental completan o paquete de medidas acordadas.
Para garantir a transparencia e efectividade destas iniciativas, estableceuse un mecanismo de seguimento conxunto que contará con representación municipal e empresarial. Este órgano de control supervisará a execución dos proxectos e velará polo cumprimento dos prazos establecidos. A política de contratación priorizará a empresas e profesionais locais, reforzando así o impacto económico nas comunidades afectadas. Esta aproximación responde á estratexia de Driza Green Partners de xerar valor compartido nos territorios onde desenvolve a súa actividade. Cunha carteira de proxectos que supera os 2.000 MW en España, a compañía consolida así a súa aposta por un modelo enerxético que combina sustentabilidade ambiental con progreso social. Os primeiros resultados tanxibles destes convenios comezarán a materializarse durante o último trimestre de 2025.
Estes convenios, no caso concreto do Carballiño, espertaron certa inquietude entre os grupos políticos da oposición. Primeiro foi o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que, a pasada semana, alertaba de que “estes acordos, segundo se deduce do publicado polas propias promotoras, deixarían migallas nas parroquias afectadas e provocarían profundos agravios nos núcleos máis poboados da periferia do concello”, á vez que solicitaban unha “copia íntegra do convenio de colaboración asinado con DRIZA Green Partners”.
Tamén hoxe se fixo eco desta polémica o grupo municipal de Espazo Común, que vén de solicitar “que de xeito inmediato se proceda a invalidar dito convenio e que, dunha vez, se deixe de xogar coa vida dos carballiñeses”, tendo en conta que os veciños de Seoane, Madarnás, A Piteira, Mudelos “e outras parroquias afectadas se mobilizaron para tentar deter esta aldraxe”, e que o propia Corporación do Carballiño elaborou unha declaración institucional e centrou as alegacións veciñais en contra dos proxectos eólicos.
Varios núcleos de poboación destas parroquias veríanse afectados polo paso das liñas de alta tensión que se instalan para a evacuación da enerxía eléctrica que se produce nos parques eólicos proxectados na comarca carballiñesa.