Onte mércores tivo lugar no Asilo de Ribadavia o acto de entrega dunha doazón realizada polo alumnado do obradoiro de emprego, na modalidade de hostalería. Durante os últimos meses, as persoas participantes no obradoiro puxeron en marcha un pequeno bar como parte da súa formación práctica. A recadación obtida desta actividade foi destinada integramente ao Asilo, nun xesto solidario que pon en valor o compromiso social do programa formativo.
O acto contou coa presenza do alumnado e do equipo docente, así como do alcalde de Ribadavia, César Fernández, quen salientou “o esforzo e a implicación do alumnado, que non só adquiren competencias profesionais senón que tamén contribúen de maneira positiva á nosa comunidade”.
Dende o Concello de Ribadavia sublíñase que este tipo de iniciativas reflicten a importancia dos obradoiros de emprego como ferramenta de inserción laboral, ao tempo que promoven valores de solidariedade e cooperación.