O Auditorio Manuel María acolleu este pasado sábado o acto de inauguración do ‘Arenteiro Fotográfico’, coa apertura dun total de 17 exposicións de diferentes autores e colectivos, que poderán visitarse ata o 26 de outubro os venres, sábados e domingos de 17,30 a 21,00 horas. Alba R. Chan, Ale Megale, Ana Iglesias, Aurora Soler Vidal, Cristina Abilleira, Grupo Bazán, o IES Chamoso Lamas, Jota Barros, María Tudela, Reflexos, O Potiños en Marrocos e en Branco e Negro, Roberto Steinbrüggen, Xaime Cortizo e Fotosíntese, ademais dos tres premiados no Concurso Fotográfico 2024, entre outras, integran a variada mostra de propostas artísticas nesta edición de 2025.
E precisamente un dos traballos que poden admirarse nesta mostra é o realizado polo alumnado do IES Chamoso Lamas, “Oficios en extinción”, unha exposición multimedia integrada por fotografías, litofanías, obxectos e vídeos, que se enmarca no programa de innovación educativa ‘Fotografía en curso’ do Plan Proxecta.
Esta mostra do estudantado foi acompañada pola proxección, o mesmo sábado, no Auditorio e coa colaboración de Cine Club Carballiño, de “Oficios en extinción: imaxes que contan persoas con historias”, un documental no que se recollen os testemuños de persoas vencelladas con antigos oficios que, co paso do tempo, van mudando e transformándose, chegando incluso a desaparecer. A muiñeira, o ferreiro, o fabricante de corozas e o de mulidos para o transporte dos culeiros das uvas, o proxectista de cine, o técnico da instalacions eléctricas ou o campaneiro, integran unha escolma das actividades que se levaban a cabo no rural da nosa comarca.
A sesión contará coa presenza de varios dos protagonistas do documental e da mostra, así coma do alumnado que levou a cabo ambos traballos. O acceso ao Auditorio será de balde e totalmente libre.