A estabilización dos niveis de gas radon nas aulas retrasa o retorno do Conservatorio aos baixos do Auditorio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño retrasa a volta da actividade docente ao edificio do Conservatorio para ratificar a merma da concentración de gas radón nas instalacións. O alcalde en funcións, José Castro; a concelleira de Educación, Lorena Castro, e o arquitecto encargado das obras do edificio, Carlos Garriga, deron conta esta mañá da decisión, así como dos detalles da intervención levada a cabo nos últimos meses. “As obras realizadas permitiron baixar dunha forma moi notable a presenza de gas radón, pasando de máximos de 2.000 bequerelios a menos de 300 na meirande parte dos espazos medidos”, apuntou Lorena Castro.

Días despois de recibir o proxecto executado, o Concello solicitou, de forma preventiva, unha medición á empresa Radón Galicia para comprobar o estado das instalacións. Das cinco salas medidas, dúas amosaron niveis por riba dos 300 bequerelios. Cabe destacar que o límite medio máximo recollido pola normativa vixente é de 300 bequerelios, o que xa se cumpre na media da medición realizada a pasada semana, xa que tres das cinco aulas amosaron valores moi por debaixo dos 300.

Porén, o Concello do Carballiño opta por retrasar a volta ao Conservatorio ata que todo o espazo rexistre valores inferiores aos 300. “Por unha cuestión de seguridade e tranquilidade, ata que teñamos a total seguridade de que todas as aulas están por debaixo de 300, decidimos comezar o curso no IES 1º do Carballiño”, explicou a concelleira de Educación.

Carlos Garriga deu conta da eficacia da intervención levada a cabo, que foi quen de reducir notablemente o gas radón: “Na sala de profesores o habitual eran concentracións por riba de 1000 bequerelios, e agora mesmo está en 100 ou 120”. O arquitecto detallou o proxecto levado a cabo, conforme á normativa vixente e de acordo á guía de rehabilitación fronte ao radón elaborada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). “Tanto a normativa como a guía marcan dúas posibilidades, establecer un espazo de contención ventilado ou un sistema de despresurización do terreo.

No caso do Conservatorio, optouse pola primeira opción, e establecimos unha soleira ventilada debaixo do chan do edificio”, desgranou o arquitecto. Seguindo as indicacións da normativa e da guía do CSIC, unha vez creada esa zona de ventilación, colocouse unha barreira antirradón e instalouse un sistema de ventilación mecánica, dada a superficie do edificio, regulado por un medidor de gas radón que se colocou na sala de profesores.

“A partir dun determinado nivel de concentración actívase o sistema de ventilación, inicialmente situouse en 300 bequerelios e como houbo algunha medición puntual nestes poucos días que superou eses 300, decidiuse por parte do Concello e coa miña conformidade, baixar o nivel ata os 100 bequerelios para incrementar a ventilación”, apuntou Garriga.

Ademais, o Concello decidiu adquirir medidores individuais para cada unha das aulas, de xeito que os propios docentes e alumnado coñezan a concentración de radón e poidan estar tranquilos. Durante os próximos tres meses, comprobarase a eficacia dos sistemas de ventilación e seguiranse a levar a cabo medicións para ratificar os correctos niveis de radón en todas as aulas do edificio. En caso de ser preciso, realizaranse pequenos axustes no sistema.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------