O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor a contribución de Raigame ao “coñecemento da identidade do territorio”
Esta edición pode descargarse en galego, en bretón e en francés a través de códigos QR
A publicación é distribuída de xeito gratuíto a bibliotecas, museos, centros culturais e educativos, ademais de poder solicitarse nas oficinas do Cetro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e no Servizo de Publicacións da Deputación
Ourense, 16 de setembro de 2025.
A Deputación de Ourense edita o número 52 da revista Raigame que leva desde o ano 1995 divulgando a cultura popular tradicional e que dedica esta edición a Castelao e á súa vinculación coa Bretaña e o Camiño de Santiago. A publicación foi presentada hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; polo director da mesma, Xulio Fernández; e polo director do Museo Arqueolóxico de Ourense, César Llana, encargado do prólogo desta edición.
César Fernández destacou Raigame como “a publicación etnográfica máis importante da provincia” e puxo en valor a súa “traxectoria avalada” e a súa contribución ao “coñecemento da identidade do territorio”.
Pola súa banda, César Llana agradeceu á Deputación de Ourense a súa contribución á cultura coa difusión desta revista. Ademais, destacou a Castelao como “figura fundamental da historia de Galicia”.
Xulio Fernández, director da revista, tamén puxo en valor a figura de Castelao e defendeu este número 52 da revista Raigame como “unha plataforma para divulgar os nosos Camiños de Santiago”.
Dentro do marco de colaboración entre o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense e as asociacións bretonas Ti ar Vro Kemper, Comité de Irmandade Quimper-Ourense, Asociación Bretona de Amigos de Santiago e a vila de Quimper (Bretaña-Francia), apostouse por este número de Raigame que ten en conta a conmemoración do 75 aniversario do falecemento de Castelao.
Deste xeito, preséntase este número con colaboracións de autores galegos e bretóns de recoñecido prestixio, que abordan diferentes temas sobre a relación Galicia-Bretaña, centrándose no Camiño de Santiago.
A revista abre con artigos de César Llana e Afonso Vázquez-Morxandín, que analizan a relación da Bretaña e os integrantes da xeración Nós. Nunha segunda parte, os artigos de autores como Lucía Laín, Limia Gardón, Jorge Lamas, Antonio M. Amil, Beenito Reza, Mª Elisa Abad, Mª Asunción Arias, Antonio Piñeiro e José Antonio Quintas, tratan o Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Ourense.
Por último, a terceira parte da revista trata o congreso realizado no ano 2024 en Quimper sobre o Camiño de Santiago e o patrimonio que relaciona a Bretaña e Galicia. Inclúense artigos de Jean-Marc Ferrand, Denise Péricard-Méa, Pablo Nogueira, Pierre Nédellec, Jean Gauter, Miguel Taín, Patxi Pérez-Ramallo, Jean Margueritte e Lean-Luc Penna.
Editada en varios idiomas
Este número da revista Raigame conta coa novidade de estar editado tanto en galego como en bretón e francés, con enlaces a través de código QR para descargar as traducións.
Como é habitual, a revista Raigame é distribuída de xeito gratuíto a bibliotecas, museos, centros culturais e centros educativos da provincia de Ourense, e tamén pode ser solicitada nas oficinas do CCP Xaquín Lorenzo e no Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense.
A revista Raigame naceu no ano 1995, aos seis anos da morte de Xaquín Lorenzo, co obxectivo de continuar a traxectoria indicada polo investigador ourensán.