As escolas municipais de danza e teatro do Carballiño ofertan máis dun cento de prazas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño reforza a súa aposta pola formación artística para o novo curso das escolas municipais de danza e teatro. O goberno local oferta máis dun cento de prazas, dirixidas a público de todas as idades co obxectivo de fomentar o gusto pola arte e a cultura entre a veciñanza a prezos populares. O curso arrancará o próximo 1 de outubro, e o prazo de inscrición estará aberto desde hoxe.

Neste novo curso, a formación da Escola Municipal de Danza amplíase, con tres actividades máis (danza moderna, show dance e zen-core), que se suman ás clases de ritmos latinos, moi ben acollidas en cursos anteriores. Así, a poboación poderá escoller entre ritmos latinos I (nivel principiante), ritmos latinos II (nivel avanzado), baile moderno (fusión de estilos urbanos), show dance (clases para crear coreografías grupais) e zen-core (mistura entre pilates e ioga). As actividades levaranse a cabo no local municipal de Bo día familia.

Pola súa parte, a Escola Municipal de Teatro contará, como é habitual, con tres grupos: o infantil, dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, o de iniciación, para alumnado de máis de 12 anos, e o de perfeccionamento, dirixido a maiores de 18 anos. Nos tres casos, as actividades terán lugar no Auditorio Manuel María.

As personas interesadas poderán recoller o impreso da inscrición no departamento de Cultura da Casa do Concello, situado no segundo andar. O prezo para ambas escolas é o mesmo: 14,92 euros por matrícula e 11,59 euros por mensualidade.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------