Gabriel Alén preside a reunión do comité técnico asesor de reestruturación parcelaria da provincia ourensá

  • Na actualidade hai en Ourense 22 zonas abertas cunha superficie total de case 16.000 ha e uns 12.500 propietarios, delas 15 están en fase de Acordo, polo que os donos das novas parcelas xa están facendo uso delas
  • O delegado territorial avanzou que no ano 2021 está previsto que se contrate obras e servizos técnicos na provincia de Ourense por un importe total de 3,3 millóns de euros

Coordinar as distintas tramitacións que se deben levar a cabo durante o proceso de concentración parcelaria é o obxectivo do Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria da provincia de Ourense, reunido esta mañá na Delegación Territorial da Xunta. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Luís Jorge Álvarez, presidiu a reunión deste órgano.

O Comité Técnico Asesor de Reestruturación parcelaria é un órgano de asesoramento de carácter provincial. Ten como función principal a coordinación entre as diferentes actuacións de mellora da estrutura territorial agraria e  os diferentes organismos que teñen relación coas actuacións en cada zona de reestruturación parcelaria.

AVANTAR ACTIVIDADES

O comité está presidido polo delegado territorial e está formado por representantes das direccións xerais de Desenvolvemento Rural; de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; de Planificación e Ordenación Forestal; de Patrimonio Natural; de  Augas de Galicia, de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de Patrimonio Cultural, así como da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de organizacións profesionais e da Administración local.

Cómpre sinalar que, na actualidade, na provincia de Ourense estase a traballar en  22 zonas, das cales 15 están en fase de Acordo e, polo tanto, os propietarios das novas fincas xa están facendo uso delas, mentres que as 7 restantes están en fase de Bases. En total, estes 22 procesos supoñen a reorganización dunhas 16.000 ha que benefician a uns 12.500 propietarios.

O delegado territorial avanzou que no ano 2021 está previsto que se contrate obras e servizos técnicos na provincia de Ourense por un importe total de 3,3 millóns de euros. A maior parte destinada a execución de camiños secundarios de zonas de reestruturación parcelaria.

Gabriel Alén explicou que a reestruturación parcelaria supón o agrupamento de diferentes parcelas dos titulares ou explotacións, de tal xeito que a estrutura das fincas se adapte mellor á súa natureza agraria. Incídese así no obxectivo de mellorar a estrutura territorial das explotacións, estudando para cada suposto as solucións que melloran a súa rendibilidade, que resultarán, segundo os casos, nun único predio uniforme ou en varias ben diferenciadas, tendo sempre en conta a idoneidade para cada tipo de cultivo.

Lei de recuperación

A Xunta seguirá impulsando as concentracións parcelarias da man da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Así, na nova lei apostarase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, mellorarase a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.