O Pleno do Concello de Ribadavia, celebrado na tarde deste xoves, aprobou dúas medidas de relevancia para o municipio, centradas na mellora dos servizos públicos e no compromiso ambiental. A Corporación Municipal deu luz verde á modificación de crédito número 2/2025, que supón unha incorporación de 6.000 euros á partida municipal de deportes. Estes fondos permitirán executar actuacións destinadas a mellorar o acceso ao Pavillón Municipal O Consello, co obxectivo de habilitar unha entrada adaptada para persoas con diversidade funcional. Esta intervención permitirá avanzar na eliminación de barreiras arquitectónicas e facilitará o uso das instalacións deportivas por parte de toda a veciñanza, garantindo a súa accesibilidade universal.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, subliña que esta actuación “é un paso máis no noso compromiso por facer de Ribadavia un concello inclusivo, accesible e pensado para todas as persoas. A mellora do acceso ao pavillón permitirá que moitos veciños e veciñas poidan facer uso destas instalacións en igualdade de condicións, o que é unha prioridade para este goberno”.
Ademais, o Pleno acordou a adhesión do Concello de Ribadavia ao convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (SRAP) de residuos de envases domésticos de vidro de un só uso. A través deste acordo, o Concello sumouse a un marco común de cooperación que ten como finalidade mellorar a recollida selectiva e a xestión sostible destes residuos, favorecendo a reciclaxe e contribuíndo á loita contra o cambio climático.
Neste sentido, César Fernández destaca que “a adhesión a este convenio supón un avance importante na nosa política ambiental. Queremos que Ribadavia sexa referente en sustentabilidade e economía circular, e esta colaboración permitirá mellorar a recollida de vidro e reducir o impacto ambiental da nosa actividade cotiá”.
Con estas dúas medidas, Ribadavia reafirma o seu compromiso coa inclusión, a igualdade de oportunidades e a protección do medio ambiente, impulsando políticas municipais orientadas a mellorar a calidade de vida da cidadanía e a promover un futuro máis sostible