Javier Fraiz (Ourense, 1986) é licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa desde 2009 en Faro de Vigo e colaborou con varios medios de comunicación. En 2019 recibiu o premio xornalístico Xosé Aurelio Carracedo. É autor de “Abro comijazz” (Libros.com, 2020) e da novela “Morte no espello”, publicada en 2022 na colección Literaria de Galaxia. Amar / Azar, da mesma editorial, é a súa segunda obra de ficción”.
Hoxe as oito da tarde Javier Fraiz fará a presentación do seu libro “Amar / Azar”. O tará lugar na Tenda OZOCOgz. Javier concedeunos a seguinte entrevista:
O título “Amar / Azar” é suxestivo e parece encapsular a dualidade da novela. De que maneira entrelázanse e opóñense o amor (como forza elixida) e o azar (como forza externa e impredicible) na trama?
Cando todo semella ir mal, e se somos afortunados, o amor é o único que nos queda. Pola contra, ata as relacións que semellan máis seguras teñen un punto elevado de fraxilidade. O imprevisible afecta a todo. O azar é o noso aliado ás veces, pero outras torna no noso meirande inimigo.
A sinopse fala da “ imprevisibilidade dos acontecementos catastróficos e tamén dos feitos máis felices”. Sen desvelar spoilers, poderías poñernos un exemplo de como un pequeno incidente fortuíto pode desencadear consecuencias enormes para os teus personaxes?
Un detalle insignificante en aparencia pode alterar o curso da normalidade, que caracteriza por regra xeral as novas vidas. Pasamos o tempo tomando decisións supostamente pequenas que, en realidade, marcan o noso camiño acotío. Dubidar de se a unha amiga lle ocorre algo malo, pero non facer nada, pode ter consecuencias graves. Ou talvez non. Que vai acontecer fagamos unha cousa ou a contraria escapa do noso control. En moitas ocasións quedamos sen armas ante os infortunios.
Localizas a historia en Ourense, Allariz, Cea e París. Por que elixiches estes escenarios tan concretos? Xogan un papel activo na historia, influíndo no estado de ánimo ou as decisións dos personaxes?
Hai unha voda en Allariz, unha infancia e unha traxectoria familiar en Cea, unha historia de matrimonio en Ourense e uns acontecementos en París, os atentados terroristas do 13 de novembro de 2015. Todos estes feitos inflúen decisivamente nos personaxes. A parella protagonista percorre todos estes lugares pero o azar compórtase con eles dun xeito que condiciona a súa relación para o que estará por vir.
Abordas temas moi actuais e complexos como a violencia machista e o terrorismo. Que che impulsou a integrar estas realidades tan duras na novela? Foi un reto narrativo atopar o ton adecuado para tratalas coa necesaria sensibilidade?
Son manifestacións da barbarie, do peor da condición humana, son feitos terribles que tronzan de súpeto e para sempre as vidas das vítimas e tamén dos seus achegados. Que acontece cos que quedan, e por que os que marcharon tiveron mala sorte, mentres outros se salvan, forman parte do fondo da novela.
Unha das mensaxes crave do libro é “a importancia de tratar os traumas con terapia”. Nun momento no que a saúde mental está cada vez máis en primeiro plano, crees que a ficción pode axudar a normalizar a procura de axuda psicolóxica?
É un problema de saúde pública cada vez máis visible, grazas ao labor de colectivos, medios de comunicación e a sociedade en xeral, que progresou neste eido ata o punto de aceptar as súas vulnerabilidades. Para este libro resultaba imprescindible abordar a recuperación da dó e da perda traumática desde o punto de vista dos psiquiatras e psicólogos. O acompañamento dos profesionais formados é esencial para seguir adiante.
*Falas de “a resistencia do amor nas situacións máis compleas” e do “poder do corazón mesmo cando rompe”. É “Amar / Azar”, no fondo, unha novela optimista sobre a capacidade humana de sobrepoñerse á adversidade?
Agradezo esa lectura porque, no fondo, ese é un dos obxectivos. Os distintos personaxes, cada un co seu proceso e os seus tempos, son quen de atopar a saída do túnel. Cambiaron, xa non serán os mesmos que ao comenzo, pero continuarán.
“Amar / Azar” é a túa segunda novela, tras “Morte non espello”. En que aspectos crees que evolucionaches como narrador? Enfrontáchesche a desafíos diferentes con esta nova obra?
Cambian o rexistro, o estilo e tamén os temas, porque supoño que o que mudei neste tempo fun eu. Esta novela resultou máis complexa desde o punto de vista da xestión emocional. Espertou lembranzas e sensacións intensas. Ao documentarme sobre os atentados fun consciente de novo da importancia histórica dos feitos e da profunda dor que causaron os terroristas no corazón de Europa. O proceso de escrita resultou máis intenso desta vez.
A túa profesión como xornalista en Faro de Vigo, como inflúe na túa maneira de construír unha ficción? Axúdache á hora de documentarche para temas delicados ou, pola contra, necesitas “desconectar” do estilo xornalístico para mergullarche na literatura?
O xornalismo achega referencias da actualidade e unha maneira de ollar o mundo que axudan á hora de construir outra realidade, a da ficción. No meu caso coido que tamén me afasta da ficción absoluta. A literatura tamén funciona cos pasos ‘ir, ver e contar’ do periodismo, pero necesita máis pausa e determinados momentos de recollemento.
O libro está publicado por Editorial Galaxia, un selo de gran peso na literatura galega. Que significa para ti formar parte do seu catálogo literario?
Felicidade e agradecemento. Para min, a publicación dunha novela é un acontecemento inesperado, que aínda me custa crer.
