Carmen Rodríguez do grupo socialista urxe á Xunta a que cuantifique e axilice o pagamento das axudas ás bodegas ourensás afectadas polas treboadas

Carmen Rodríguez Dacosta alerta de que algúns produtores poden perder máis do 80% da súa produción

Publicidade

A voceira de Agricultura do Grupo Socialistas, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar no parlamento galego unha batería de iniciativas para reclamarlle á Xunta que actúe con urxencia para axilizar a cuantificación dos danos e o pagamento das correspondentes axudas económicas ao sector vitivinícola afectado polas fortes treboadas dos últimos días na provincia de Ourense.

A deputada socialista alerta de que estas tormentas causaron danos en toda a zona, con especial incidencia no Val do Avia e na Denominación de Orixe do Ribeiro, “onde algunhas bodegas poden perder máis do 80 % da súa produción”. Os lugares máis afectados están a ser Gomariz en Leiro, Cabanelas en O Carballiño, Pazos de Arenteiro en Boborás e Riobó en Cenlle.

Carmen Rodríguez Dacosta advirte de que, ademais das perdas por danos, “as bodegas se enfrontan a outro problema a escasos días da vendima: a alta actividade fúnxica que xera a humidade nos viñedos”. Tal e como explican persoas viticultoras, a saraiba danou as uvas, que podrecen e non se poden vendimar, así como como plantas, ás que se lles deberán aplicar tratamentos para evitar infeccións por fungos.

A parlamentaria do PSdeG engade que se teñen localizado danos en vides espalladas por distintas zonas produtivas situadas principalmente na zona norte desta Denominación de Orixe. “Danos que poderían aumentar”, alerta Carmen Rodríguez Dacosta, “tendo en conta a previsión meteorolóxica”.

Á espera de poder realizar unha cuantificación exacta dos danos rexistrados, lembra tamén que o sindicato Unións Agrarias xa ten constancia de numerosas parcelas con vides danadas nas zonas de Pazos de Arenteiro, Boborás, Gomariz, Riobóo ou Viladerrei. “Estes danos chegan nunha época especialmente sensible e complicada, coa uva xa madura e ás portas do inicio da vendima”, sinala a deputada socialista.

Neste contexto, Carmen Rodríguez Dacosta lembra “o carácter estratéxico, tanto dende o punto de vista socioeconómico como cultural e demográfico, que desempeña a viticultura no Ribeiro”, polo que reclama actuacións urxentes da Xunta de Galicia para compensar a todas e todos os afectados.