Publicada no Dog a orde de extinción da Fundación Benigno Quiroga Fernández de Punxín

ORDE do 23 de outubro de 2020 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Benigno Quiroga Fernández e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

AVANTAR ACTIVIDADES

Examinado o expediente de extinción da Fundación Benigno Quiroga Fernández, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 30 de setembro de 2020 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Benigno Quiroga Fernández, adoptado polo padroado o 9 de marzo de 2020.

Segundo. A Fundación Benigno Quiroga Fernández foi constituída en escritura pública, outorgada ante o notario Luis Costa Figueiras o día 6 de xullo de 1920, e clasificada como de beneficencia particular docente mediante Real orde do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes do 6 de xullo de 1927.

De acordo coa citada orde, a fundación foi instituída en Punxín por Benigno Quiroga Fernández, quen deixou un 15 % da súa herdanza para fundar un colexio enteiramente laico, asegurándolle unha renda para que se puidese soster polo menos durante vinte anos.

O expediente correspondente a esta fundación foi transferido á Xunta de Galicia en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación.

A fundación figura rexistrada sen actividade. A única actuación que consta no Rexistro de Fundacións de Interese Galego data do ano 1989, no cal o protectorado autorizou o padroado para ceder o uso e desfrute do edificio e o terreo da fundación ao Concello de Punxín por un prazo máximo de 30 anos.

Terceiro. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 9 de marzo de 2020, adoptou o acordo de extinguir a fundación como consecuencia da súa prolongada inactividade e a imposibilidade de realizar os seus fins.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

d) Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

e) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Benigno Quiroga Fernández, de conformidade co establecido no Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Universidade a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, e para tal efecto é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e foi aprobado polo padroado na súa reunión do 9 de marzo de 2020. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, da mesma data, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Benigno Quiroga Fernández, adoptado polo padroado da fundación na súa reunión do 9 de marzo de 2020.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, se poida interpoñer un recurso de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.