O Inorde e o Xeodestino Manzaneda –Trevinca ultiman o plan de acción para o 2021

O presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente, reuníronse hoxe, vía telemática, cos alcaldes, alcaldesas e representantes dos municipios que integran o Xeodestino Manzaneda-Trevinca para consensuar a proposta de accións e o orzamento para o 2021 e así enviar o documento final á Axencia de Turismo de Galicia para a súa aprobación.

Publicidade

As accións propostas neste Plan están encamiñadas á promoción e á posta en valor dos recursos naturais, patrimonios e enogastronómicos dos municipios que comprende o Xeodestino nº 12 e que son os seguintes: A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

Desde finais de maio comezará a primeira fase deste Plan de accións que contempla a creación dun grupo de traballo no que estarán implicados as Oficinas de Turismo, o persoal dos municipios e o sector privado para a xestión dos recursos turísticos e a oferta do Xeodestino.

Por outra banda, o Plan contempla a estimulación de creación de produto turístico, así como a súa promoción a través da comunicación online e offline. Apoiar a coordinación entre as axencias locais, os operadores comercializadores foráneos e a oferta en destino.

No ámbito da comunicación dixital contemplouse a necesidade de impulsala a través da creación de contidos, reposicionamento en redes e campaña de promoción dixital. Mentres que no apartado da comercialización turística propúxose realizar viaxes de familiarización de natureza e turismo activo máis o nicho de Starlight; e viaxes de familiarización de enogastronomía e cultura máis o nicho industrial. Asemade, realizaranse accións promocionais en mercados de proximidade.

Na xuntanza tamén participaron o secretario da Deputación de Ourense, Juan Marquina; o Xefe de Servizo de Intervención da Deputación, José Mosquera; e a técnico do Inorde, Rocío Gómez.