O Parlamento pide a Agricultura que suavice as xestións das axudas para a promoción do viño en terceiros países

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que suavice os requisitos e a tramitación das axudas da medida da intervención sectorial do viño na liña de promoción do viño en terceiros países, tanto no ámbito do programa coas actuacións a desenvolver como nas penalizacións sobre os cambios desta previsión de actividade.

O deputado popular Juan Casares destacou “a evidente mellora experimentada durante as últimas décadas polo sector vitivinícola galego, sobre todo no que atinxe aos procesos de elaboración e á calidade do produto final, que, acompañado do dinamismo dos consellos reguladores, posibilitou un crecemento notable das vendas de viños de calidade tanto na Unión Europea como en terceiros países”. Porén, lamentou “a debilidade da capacidade exportadora do sector vitivinícola galego, con pouco máis de 140.000 hectolitros exportados na campaña 2024-25, o que representa o 2,25% do conxunto de España se falamos de viños con selo de calidade diferenciada”.

Juan Casares lembrou que “as políticas agrarias das administracións públicas, nomeadamente a Unión Europea, apoian os investimentos en viñas e adegas con diversas axudas desde hai máis de 20 anos”. En concreto, referiuse á axuda máxima do 50% destinada á intervención nas actividades de promoción e comunicación en terceiros países, que entre os anos 2018 e 2025 supuxeron en Galicia un gasto público total de 9,61 millóns de euros, cun importe medio por beneficiario que pasou dos 39.000 euros en 2018 aos 71.000 en 2025.

“As estritas condicións de concesión destas axudas, xa que os beneficiarios deben presentar un programa coas actuacións a desenvolver, o que esixe un nivel de previsión e de capacidade de xestión que poucas adegas galegas posúen por tamaño e recursos, así como as penalizacións sobre os cambios destes programas aprobados, derivaron nunha tendencia á baixa do número de expedientes aprobados, que pasaron de 25 en 2018 a 18 en 2025, xunto cunha concentración de beneficiarios na denominación de orixe Rías Baixas”, explicou.

Por este motivo, Casares considerou necesario apoiar a demanda que xa trasladou a Consellería do Medio Rural ao Ministerio de Agricultura para que faga a axuda “máis sinxela e accesible, menos esixente e cun orzamento maior, de xeito que poidan acollerse un maior número de adegas e evitar a concentración de beneficiarios que se presentan todos os anos”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------