“A festa da pintura” chega ao Marcos Valcárcel coa obra de César Taboada

A exposición “CZAR. Dimensión social dunha erótica da arte” estará no centro cultural ata o vindeiro 8 de xaneiro

Ourense, 8 de novembro de 2022.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle dende esta tarde a exposición “CZAR. Dimensión social dunha erótica da arte”, do artista César Taboada, comisariada por Teresa Cendón e que estará aberta ata o vindeiro 8 de xaneiro. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou nunha inauguración que tamén contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o director do centro cultural, Francisco González; a comisaria da mostra e o propio artista. 

César Fernández resaltou na súa intervención o nivel dunha mostra que afonda na traxectoria de César Taboada, “un artista tan lúdico como valente na concepción da súa arte”,  mentres reforza a calidade da programación do Marcos Valcárcel, “un espazo dinamizador de primeira magnitude”. O vicepresidente da Deputación tamén destacou a altísima afluencia de ourensáns á inauguración, enmarcándoa na “calidade de Taboada, o interese que ten en Ourense a cultura e o excelente traballo de Francisco González e todo o seu equipo”. 

“Quero ligar diferentes culturas nun século XXI que está asistindo ao cambio de roles e tipos de vida nalgúns lugares onde conviven a riqueza e a pobreza”, sinalou pola súa banda César Taboada sobre o contido da súa exposición. Taboada, que pasa gran parte do ano con programas de intercambio e formación artística en países de Oriente Medio e India, transmite á súa obra esa experiencia vital. 

O director do centro cultural, Francisco González, destacou de César Taboada a “súa enerxía vital, unha enerxía e unha forza que, por natureza, ten que estar tamén presente no seu traballo”, ao tempo que lembrou ao César que expuxo os seus traballos nos inicios do centro cultural, hai agora 20 anos.

O crítico de arte Xosé Antón Castro destaca varios aspectos da obra de César Taboada, entre eles a súa “facilidade dibuxística”, unha neofiguración transgresora e “un cromatismo, a veces incendiario” que leva ás súas obras por espazos nos que discorren relatos reais e imaxinarios que reclaman “a consideración da arte coma unha festa”. Antón Castro incide en que a pintura para César Taboada é “un xogo e unha diversión… unha maneira de axudarnos a percibir o mundo cos mesmos ollos de pracer, optimismo e felicidade cos que el o fai”.