O parque multiaventura ‘Funtastik-No Limits’ volta a Expourense do 3 ao 12 de outubro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Expourense acolleu esta mañá a presentación da segunda edición de ‘Funtastik-No Limits’, un evento que converterá ao recinto feiral de Ourense no maior parque multiaventura de Galicia ofrecendo un universo de experiencias educativas e divertidas para todas as idades. Poderá gozarse desde o 3 ata o 12 de outubro e o prezo da entrada é de 10 euros por persoa e sesión (mañá ou tarde) sendo gratis para os menores de 3 anos. Pode adquirirse en www.ataquilla.com ou no propio recinto. A presentación desta segunda edición de Funtastik contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, acompañado polo director territorial de Educación, Jorge Rubén Sampedro; polo vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández; polo xerente de Mantesil e promotor da actividade, Berto Fernández Docampo, e polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

A segunda edición de ‘Funtastik–No Limits’ conta co apoio da Deputación provincial de Ourense e da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, que facilitarán a participación nesta actividade de escolares de máis de 40 colexios da provincia. Funtastik é unha actividade comprometida cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a formación e a práctica deportiva da cidadanía, promovendo valores como a sustentabilidade, o consumo responsable, a igualdade e a participación activa.

Nesta segunda edición, este evento busca a súa consolidación na axenda de lecer familiar e educativo dos ourensáns. Entre as novidades deste ano destaca a área de “Mercar con sentido”, dedicada ao comercio ético, local e consciente, e a Zona de Orientación “Galicia Máxica”, un espazo interactivo que convida a explorar o territorio galego desde unha perspectiva lúdica e formativa. Outra das novidades será o inchable “Extreme Run” de 600 metros ao que se suma a ampliación do gran inchable gymkana do ano pasado. Tamén haberá unha área especifica para os máis pequenos. A primeira edición celebrouse en outubro do ano pasado e reuniu no recinto a máis de 10.000 visitas.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------