Martín Seco leva ao Parlamento as “gravísimas e inaceptables acusacións” do conselleiro contra traballadores da Consellería de Medio Rural
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020. O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, presentou unha pregunta no Parlamento logo das “gravísimas e inaceptables” acusacións do conselleiro de Medio Rural apuntando a “supostos cobros de traballadores da Consellería á cidadanía por axudar a tramitar as solicitudes de curta de madeira”.
O responsable socialista levou á Cámara a acusación do conselleiro, que onte “insinuaba en Twitter que existían funcionarios que cobraban” polo dito trámite, o que xerou unha importante polémica na rede social, con protestas de colectivos como UXT, Aprafoga e numerosos axentes facultativos medioambientais de xeito individual. Sen embargo o Conselleiro “non deu probas da súa acusación e mesmo continuou confrontando cos axentes que lle pedían rectificación”.
Seco sinala que estas acusacións “contra os traballadores e traballadoras da Consellería e á súa honorabilidade” deben ser acompañadas “ou ben de probas ou ben o conselleiro debe retractarse e pedir desculpas públicas”.
Explicou que as acusacións do conselleiro derivan da posta en marcha da ferramenta web “corweb” para a tramitación de solicitudes para cortar madeira. Os Axentes Facultativos Medioambientais deixan de ter agora a posibilidade de auxiliar presencialmente e de forma voluntaria cos trámites, xa que a ferramenta require dun certificado dixital ou da chave 365 e facelo persoalmente a través dun equipo informático ou dun teléfono intelixente, co que os funcio.
Martín Seco García e Carmen Rodríguez Dacosta, deputado e deputada pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral na Comisión 7ª.
A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia estableceu un novo aplicativo para tramitar as solicitudes de curta de madeira, “CORWEB”. Pola dificultade que establece este novo procedemento, debido a que no medio rural galego, cunha poboación moi envellecida e cuxo recurso enerxético principal para quentar as súas vivendas é a leña, que na maioría dos casos non é usuaria destes novos medios de acceso á xestión telemática para a tramitación de solicitudes. Ante esta situación, a Asociación profesional de axentes e diversas organizacións sindicais manifestaron o seu desacordo en varias ocasións a través das redes sociais, a esta recente modificación da tramitación dun aproveitamento forestal exclusivamente a través de medios telemáticos, xa que vén a complicarlles enormemente a vida, obrigándolles a acudir a xestorías ou outros medios privados de pago para cumprir coa normativa vixente.
A maioría dos axentes, facéndose cargo da situación, auxiliaban presencialmente e de forma voluntaria aos administrados nos trámites para obter os permisos ou comunicacións, enchendo os formularios na solicitude correspondente, realizándoa na forma clásica, é dicir, en papel e dándollos a asinar ao interesado ou interesada, para o seu posterior rexistro.
No momento en que se impuxo o uso do aplicativo, os funcionarios da escala de Axentes Facultativos Medioambientais non teñen ningunha posibilidade de continuar con este labor, xa que para o acceso ao trámite, o interesado debe de dispoñer dun certificado dixital ou unha “chave 365” e facelo, persoalmente, a través dun equipo informático ou dun teléfono intelixente coa aplicación instalada.
Ante unha destas críticas, o Sr. conselleiro, na rede social Twitter, o día 19 de novembro, anunciaba a posibilidade de realizar o trámite a través de chamada telefónica ao teléfono de información da Xunta de Galicia, “012”, á vez que insinuaba que existían funcionarios que cobraban polo trámite, “Ou que non se vai poder é cobrar comisión a ninguén por facerlle vós trámites.”, afirmaba o conselleiro.
A indignación de moitos integrantes do colectivo é maiúscula e a fervenza de respostas ao Tweet foi abafadora. UXT, Aprafoga, e numerosos axentes, de forma individual, contestaban ao Tweet, pero dende a dita rede social o conselleiro non deu probas da súa acusación e continuou confrontando cos axentes que lle pedían rectificación, incluso con contestacións como “Non, non. Equivocádesvos vós de camiño empezando unha batalla contra a Consellería. Mellor rectificar a tempo” Dende o Grupo Parlamentario Socialista, cualificamos de gravísimas e inaceptables as acusacións do conselleiro do Medio Rural sobre os traballadores e traballadoras da súa consellaría e a súa honorabilidade, ás que debería de achegar probas ou retractarse e pedir desculpas públicas.
Por todo o exposto, o deputado e a deputada que asinan preguntan ao Sr. conselleiro do Medio Rural:
Cales son as probas das acusacións vertidas por vostede nas redes sociais, sobre supostos cobros de traballadores da Consellería do Medio Rural á cidadanía por axudar a tramitar as solicitudes de curta de madeira?