O PSdeG-PSOE do Carballiño inicia o vindeiro sábado as xornadas de portas abertas á toda a veciñanza

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño promove dende esta semana unha campaña de comunicación directa coas veciñas e veciños do Carballiño a fin de coñecer as súas inquedanzas e que poidan aportar aquelas suxestións que consideren necesarias para o bó desenvolvemento do municipio. Ésta é unha das moitas propostas da nova dirección socialista local, que se concreta nunha primeira xornada de portas abertas na súa sede social da rúa Perfectino Viéitez, que terá lugar o vindeiro sábado, 4 de outubro, en horario de 11,00 a 13,00 horas, para que toda a veciñanza teña a oportunidade de acudir e plantexar calquera cuestión de interese.

Estas xornadas de portas abertas terán continuidade ao longo do ano tódolos primeiros sábados de cada mes, “xa que o contacto diario coas veciñas e veciños, a escoita das súas inquedanzas e suxestións e a coordinación cos seus representantes políticos no Concello son as metas que marcamos dende a nova executiva local”, subliña Manuel Sotelo Vila, secretario xeral do PSdeG-PSOE do Carballiño.

Neste sentido, a executiva que coordina Manuel Sotelo pretende mellorar aspectos da presenza nas redes sociais e proporcionar un fácil acceso da veciñanza ao partido. Ao respecto, ademais do perfil de Facebook (PSdeG-PSOE do Carballiño) creouse unha dirección de correo (socialistascarballino@gmail.com) e un número de teléfono (623.611.071) para dispor dun contacto permanente coa veciñanza.

“Nesta nova andaina, tamén será fundamental a convocatoria regular de asambleas para que a militancia exprese libremente a súa opinión e que elo repercuta na creación de sinerxias coa cidadanía, a fin de que ésta sexa a propia transmisora das incidencias ou problemas que poida detectar, co obxectivo de procurarlles unha pronta resolución”, apunta o responsable local socialista.

Outra iniciativa na que se está a traballar dende a Agrupación Socialista é a de organización de campañas informativas; conferencias de persoeiros de relevancia e a celebración de eventos de confraternización coa militancia e simpatizantes da formación política, tamén abertos a calquera persoa do Carballiño ou da súa comarca que desexe participar. Deste xeito, está prevista a celebración dun magosto o vindeiro mes de novembro, que terá lugar nas datas próximas á tradicional festividade do San Martiño e que consistirá nun xantar ou unha cea para a que se abrirá en breve un prazo de inscrición para todas aquelas persoas que desexen asistir.

Por outra banda, estase a traballar na recopilación de información e procura nos arquivos a fin de editar unha publicación que recolla a historia do movemento progresista e da propia traxectoria da agrupación socialista no Carballiño.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------