Ribadavia acolle a rodaxe de “Muller en cadeira de rodas”, a nova curtametraxe de Xavier Bermúdez

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As rúas de Ribadavia serán o escenario durante esta semana a rodaxe da curtametraxe “Muller en cadeira de rodas”, dirixida polo recoñecido cineasta ourensán Xavier Bermúdez, unha das figuras máis consolidadas do cinema galego.

A filmación comezou este luns en distintos espazos de Ribadavia, convertendo a vila en escenario desta nova produción de Xamalú Filmes, que conta tamén con producións asociadas de Luis Cobos e Malapata, e co apoio da Deputación de Ourense e do propio Concello de Ribadavia.

No elenco artístico participan os intérpretes Fernando Dacosta, Antea Rodríguez, Leonel Mesias e Mateo Franco, que darán vida a unha historia cunha forte carga humana e cinematográfica.

A concelleira de Cultura de Ribadavia, Yolanda Gómez, destaca que proxectos coma este “reforzan a vinculación da nosa vila co cinema galego, proxectando a imaxe de Ribadavia cara ao exterior e apoiando á vez a creación cultural e audiovisual”.

Con esta rodaxe, Ribadavia continúa a ser un referente de dinamización cultural e escenario elixido por diferentes proxectos audiovisuais, consolidando a súa aposta pola cultura como motor de desenvolvemento social e económico.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------