O Concello do Carballiño inicia o próximo luns 6 de outubro as obras para mellorar a drenaxe de augas fluviais no aparcamento existente na avenida do Arenteiro, entre o Parque Municipal e o cauce fluvial, un espazo moi utilizado tanto pola veciñanza como polos turistas que se desplazan en vehículo propio. O sistema actual de evacuación de auga non é suficiente cando chove intensamente, o que provoca que a zona se inunde.
“Esta actuación, financiada ao 100% por Augas de Galicia, suporá unha mellora importante para garantir a seguridade e comodidade da veciñanza que usa o Parque Municipal”, explica Elvira Torres, concelleira de Medio Ambiente e Termalismo. As obras terán un prazo de execución dun mes, no que se irán alternando zonas para deixar sempre un espazo dispoñible para estacionar.
A intervención consiste na mellora da recollida de augas pluviais e conducción ata o punto de recollida, o que inclúe a construcción dunha arqueta de reunión, instalación dunha tubería para a conducción da auga e un sumidoiro para recollida de augas en zona pavimentada e a colocación dunha tubería para a conducción das augas pluviais ata o río Arenteiro.
“Desde o Concello seguimos traballando para mellorar os servizos públicos e agradecemos a comprensión dos veciños e veciñas mentres duren os traballos”, sinala a concelleira de Medio Ambiente.