O III Encontro Burla Verde reuniu centos de persoas en Vilanova dos Infantes para visibilizar a defensa da terra e as loitas sociais en Galicia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Vilanova dos Infantes, 27 de setembro de 2025. O pasado sábado celebrouse en Vilanova dos Infantes (Celanova, Ourense) o III Encontro Burla Verde, un evento que por terceiro ano consecutivo serviu de espazo de convivencia, aprendizaxe e reivindicación para colectivos e persoas que defenden o territorio fronte ao espolio extractivista.

Tras a súa primeira edición en Sabucedo (2023)e a segunda no Courel (2024), a continuidade deste encontro itinerante confirma que o Burla Verde é hoxe máis necesario ca nunca para visibilizar que a ameaza contra a terra non é só local, senón que afecta ao conxunto de Galicia.

Un proceso colectivo e diverso

A organización recoñece que a preparación desta edición foi “complexa pola cantidade de actividades e loitas que abarca, así como pola decisión de descentralizar os espazos e estender o programa por todo o pobo”. Con todo, destacan a riqueza de ter compartido asembleas con xente moi diversa, o que permitiu “debater e decidir de maneira xusta, acollendo todas as visións”.

Este ano organizáronse palestras e faladoiros, onde se abordaron temas como os impactos das macrogranxas, a expansión dos eólicos, as plantacións de eucalipto ou a vaga de lumes, sen esquecer as alternativas: proxectos de agroecoloxía, comunidades enerxéticas e outras formas sostibles de habitar o territorio. Pero incluíndo tamén outros xeitos de sensibilizar, informar, compartir e construír coñecemento, como foi o caso dos distintos obradoiros —entre eles Sementes de liberdadeReciclaxe de roupaIoga na natureza ou Biodanza—, dos contacontos que transmitiron ás máis pequenas o amor pola terra e a paixón por coñecela; e mesmo a través dos espectáculos, que incorporaron non só mensaxes pola defensa da terra e da vida, senón tamén a participación do público para construír e compartir alternativas para a acción.

Retos e aprendizaxes

Entre os maiores retos, a organización sinala o esforzo por atopar puntos comúns entre diferentes visións e, ao mesmo tempo, abrir o encontro a actividades que atenderan tamén “o corpo e as emocións”, como o teatro foro, a biodanza ou o ioga. O Burla Verde apostou así por ser un espazo de coidados e saúde comunitaria, entendendo que a dor polo espolio da terra tamén se vive no propio corpo e é preciso atopar estratexias colectivas para mimarse.

Outro dos logros foi o avance en accesibilidade e seguridade: todos os espazos foron pictogrameados, difundíronse materiais de lectura fácil e protocolos para unha convivencia libre de violencias, habilitouse unha zona tranquila sen estímulos e desenvolvéronse actividades específicas para crianzas e familias.

O micelio como metáfora

A organización reivindica o Burla Verde como un traballo “micelial”: crear colectivamente de forma rizomática, tecendo redes entre persoas e colectivos de diferentes territorios, aprendendo unhas doutras e xerando unha programación diversa e viva.

Un encontro con impacto

O Encontro serviu para fortalecer vínculos entre colectivos, visibilizar a resistencia local ante institucións e empresas, e proxectar as loitas cara fóra. Ademais, todo o recadado a través da comida, bebida e actividades será destinado a apoiar loitas en defensa do territorio que máis o necesiten.

“Non só compartimos debates ou alegacións, senón tamén coidados, escoita e amizades, algo fundamental para soster procesos de resistencia longos”, sinala a organización.

Ollando ao futuro

O soño da organización é que o Burla Verde continúe “mentres sexa necesario”, mantendo a súa esencia itinerante. Tras ter pasado por Pontevedra, Lugo e Ourense, non se descarta que a próxima edición poida celebrarse na Coruña, sempre coa idea de que cada territorio collan o relevo cando haxa enerxía e necesidade de visibilizar as súas loitas.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------