Finalizan os talleres sobre innovación con intelixencia artificial xenerativa nos que participaron dez empresas ourensás

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

  • Formación, turismo, industria ou agroalimentario, entre os sectores que exploraron como aplicar a IA para acelerar a creación de novos proxectos
  • As sesións contaron coas intervencións da experta en IA Consuelo Verdú e o subdirector de desenvolvemento de negocio do Igape, Eladio Otero
  • A actividade foi convocada no marco das accións de Conecta Ourense para axudar ás empresas no seu camiño cara á innovación e a dixitalización

Ourense, 3 de outubro de 2025. – Despois de tres intensas xornadas de traballo, concluíron hoxe na CEO os talleres de innovación con Intelixencia Artificial xenerativa, unha experiencia formativa e práctica na que participaron dez empresas ourensás de distintos sectores produtivos da provincia. Este programa de planificación de proxectos innovadores con IA enmarcouse nas actividades de Conecta Ourense, iniciativa impulsada pola CEO en colaboración coa Xunta de Galicia.

O programa, pioneiro no ámbito local, achegou a pemes e organizacións a posibilidade de integrar a IA xenerativa como motor de transformación dos seus procesos de innovación, e facilitarlles así a metodoloxía para presentar proxectos encamiñados con éxito cara á financiación e os investimentos necesarios.

A condutora das sesións, Consuelo Verdú, é unha salientable profesional nos campos da innovación e a creatividades, con especialización en IA xenerativa aplicada á produtividade e as empresas. Nos talleres, foi guiando aos participantes na aplicación de metodoloxías áxiles como Design Thinking, Lean Startup e Scrum, combinadas co uso de modelos avanzados de IA, para converter ideas en prototipos e proxectos medibles en tempo récord. Representantes de empresas ourensás de sectores como construción, enoturismo, educación, industria ou alimentación, participaron neste programa e puideron definir,  estruturar e planificar proxectos innovadores das súas empresas, orientados a convocatorias concretas de axudas públicas de innovación.

Os asistentes puideron experimentar de primeira man como ferramentas como Perplexity, Grok 3, Gemini ou os modelos de OpenAI permiten analizar o mercado en cuestión de minutos, xerar ideas de valor e validar hipóteses para implementar. O programa acompañounos na estratexia de xeración destes proxectos co fin último de aumentar a súa capacidade de innovación empresarial e a mellora dos seus procesos, produtos ou modelos de negocio.
Nun formato eminentemente práctico, as dinámicas desenvolvidas mostraron como a IA contribúe a reducir ata un 40 % os tempos de ciclo de innovación, diminuíndo custos e mellorando a eficiencia na creación de novas solucións de negocio.
A actividade enmárcase dentro dun programa máis amplo de capacitación e acompañamento en innovación con IA xenerativa, deseñado para axudar ás pemes ourensás a transformar as súas ideas en proxectos escalables e con maior potencial de éxito.

No inicio do programa, Eladio Otero, subdirector de desenvolvemento de negocio do Igape, felicitou pola celebración das sesións para aplicar as vantaxes da IA na innovación, e salientou a aposta deste organismo pola intelixencia artificial con axudas específicas de 10 millóns de euros, destacando que as solicitudes recibidas duplicaron o importe do presuposto dispoñible polo que consideran que foi unha iniciativa necesaria e ben acollida

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------