O Concello do Carballiño programa para este sábado unha maratón de actividades físicas para tódalas idades

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Concellería de Deportes do Concello do Carballiño, coa colaboración do ximnasio Kórpore, organiza este vindeiro sábado, día 11 de outubro, unha maratón de actividades deportivas para tódalas idades, que terá lugar dende as 10,00 horas na praza Juan Corral Pajariño da vila. O programa previsto para esta data foi presentado hoxe na Casa Consistorial polo concelleiro de Deportes, José Castro, e as responsables do centro deportivo, Johanna Moguel e Rebeca Amil.

“O obxectivo é que toda a xente do Carballiño faga deporte, dende o Concello queremos que a actividade deportiva sexa unha forma de vida, ‘mens sana in corpore sano'”, apuntou José Castro. O programa é gratuíto e está aberto á participación de cativos e maiores, e comezará cunha sesión de cardiotono, á que seguirá unha de zumba e outra de circuíto funcional a cargo de dous monitores, “e será cada unha de uns 50 minutos aproximadamente”, comentou Rebeca Amil. A xornada matinal rematará ao fío das 13,00 horas cunha sesión de ioga, “para relaxarse e facer estiramentos”, que terá unha duración dunha hora.

Por outra banda, José Castro valorou positivamente o éxito acadado polo programa semanal de ioga e pilates “que están a convocar a unha media de 50 persoas cada un”, e as andainas dominicais, “con 20 participantes na última que fixemos”, indicou. Asemade, a programación da área municipal de Deportes xa se está a extender ás parroquias do rural do Carballiño, cunha primeira quenda en Madarnás, e que terá continuidade noutras localidades nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------