Esta fin de semana, os días 11 e 12 de outubro, Ribadavia volve ser o epicentro da creatividade e o consumo consciente coa celebración da 5ª Feira Revive, un evento que combina arte, música, obradoiros e sensibilización ambiental. A feira terá lugar no espazo da Igrexa Madalena, en horario de 11,30 a 20,00 horas.
A programación inclúe exposicións de arte, obradoiros de reciclaxe creativa, actividades de ganchillo en comunidade, charlas solidarias e actuacións musicais, entre outras propostas que buscan fomentar un estilo de vida máis sustentable.
Entre as actividades destacadas están o obradoiro de puntillismo sobre vieiras recicladas, o de árbore da vida con botóns reciclados, a charla da Asociación de Labores Solidarias da IAIA, e as actuacións musicais de Nixon García e Baba Sall, que pecharán o evento o domingo pola tarde.
A concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, destacou “a importancia da Feira Revive como un espazo que combina cultura, creatividade e conciencia ambiental. É unha cita que promove a participación cidadá, a reutilización e a sustentabilidade, pero tamén a convivencia, a aprendizaxe compartida e o goce da cultura en múltiples formas, desde os obradoiros manuais ata a música e a gastronomía local”.
Baixo o lema “Supra reciclaxe e consumo consciente do Ribeiro”, a feira aposta por un modelo de evento aberto a todas as idades, no que o público pode aprender, crear e reflexionar sobre novas formas de consumo máis responsables, todo nun ambiente acolledor e festivo.
O programa para o vindeiro sábado, 11 de outubro, é o seguinte:
11:30 Apertura e exposición de arte de Jana Bahk
12:30 Obradoiro de puntillismo sobre vieiras recicladas con Mans Creadoras21
16:00 Mensaxes numéricos con Carolina Atuesta
17:00 Charla da Asociación de Labores Solidarias da IAIA
17:30 Obradoiro “Árbore da vida” con botóns reciclados con Madejas Tejerlo
19:30 Dj Session Sula
E xa o domingo, día 12, terá lugar a xornada de clausura, con estes horarios:
11:30 Apertura
12:00 Encontro de debuxo con Carolina Atuesta
13:00 Charla da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí
16:30 Actividade de ganchillo en comunidade + premio á persoa tecedora máis rápida (Madejas Tejerlo)
17:00 Actuación musical de Nixon García
18:30 Actuación musical de Baba Sall
















