A Xunta destinará preto de 700.000 € á Fegamp para realizar a limpeza de 34 centros públicos integrados. Entre eles os de Maside e Cea

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O acordo beneficiará 12 concellos da provincia da Coruña, oito da de Lugo, sete da de Ourense e sete da de Pontevedra con centros que integran Infantil, Primaria e ESO

A Xunta de Galicia transferirá 695.296€ á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), un 5,5 % máis ca o ano pasado, para cubrir os gastos de limpeza de 34 centros públicos integrados (CPI) situados en concellos de toda Galicia, unha tipoloxía de colexios situados no rural onde o alumnado pode cursar as etapas de Infantil, Primaria e ESO.

O Consello da Xunta autorizou a renovación do convenio que materializa a colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a FEGAMP para que esta entidade municipal xestione este servizo coa achega económica da Administración autonómica.

O propósito desta medida é reforzar a cooperación entre institucións e garantir unha prestación eficaz e sustentable dos servizos públicos, evitando duplicidades e favorecendo un uso responsable dos recursos.

A limpeza dos centros das etapas de Infantil e Primaria é competencia municipal, mentres que o resto de etapas de ensino non universitario son responsabilidade da Xunta de Galicia. Nesta tipoloxía especial de centros, os chamados CPI, que combinan Infantil e Primaria con ESO, este convenio artella o xeito de proceder.

Centros beneficiados na provincia de Ourense

En Ourense son sete entre os que están CPI Tomás Terrón Mendaña (Carballeda de Valdeorras), Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), Antonio Failde (Coles), Laureano Prieto (A Gudiña), de Maside (Maside), de Padrenda-Crespos (Padrenda) e Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------