O concello de Ribadavia adxudica a obra da travesía da Porta Nova

O concello de Ribadavia ven de adxudicar a obra para a mellora da travesía da Porta Nova. Foron tres empresas as que presentaron as súas propóstas, e finalmente a súa adxudicación ascende a unha inversión que supera os 48.000 euros.

Para a realización deste proxecto, dende o concello solicitáronse dúas subvencións diferentes. Por unha banda, a través de Turismo de Galicia, unha axuda para o embelecemento da travesía que une a zona de autocaravanas ca zona da Porta Nova. Trátase da entrada do Casco Histórico, e moi tránsitada sobre todo nesta época, e atópase en mal estado. Por iso, dende o concello están interesados en acomenter esta reforma.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por outra banda, tamén se solicitou a mellora do abastecemento. Aínda que neste segundo caso, a subvención non foi acadada.

Dada esta situación, o concello manterá mañá venres unha reunión a tres bandas ca empresa adxudicataria da obra, Aqualia e os técnicos municipais. Dende o concello aseguran que Aqualia tiña un compromiso polo cal, cando houbo a prórroga da concesión da auga, propuxéronse varias melloras, entre elas un camión de limpeza e 60.000 euros de aportación para este tipo de obras que conlevan embelecementos e servizos básicos no subsolo.

Para a alcaldesa, Noelia Rodríguez, o principal son os servizos. Asegura que Aqualia está pola labor de aportar os materiais, o persoal técnico para desenvolver os traballos e abrir unha zanxa para que se poida realizar o traballo que está soterrado. O concello tamén tería que aportar o seu persoal para colaborar na obra.

Unha vez que se teña a reunión e se planifiquen os traballos tendo xa o permiso de Patrimonio, comezarase a obra. A idea do concello, segundo a alcaldesa, é que a principios do mes de maio se poña en marcha.