O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Punxín para visitar a área termal do Bañiño, na que a Consellería de Economía e Industria destinou preto de 300.000 euros ao abeiro das últimas convocatorias dirixidas a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico.
Durante o percorrido polas súas instalacións, no que estivo acompañado polo alcalde de Punxín, Manuel Vázquez, e a concelleira do grupo de goberno, Diana Sulleiro, o delegado territorial lembroulle ao rexedor, Manuel Vázquez, que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova orde destas achegas, ata o vindeiro 13 de outubro, cunha partida plurianual (2025 e 2026) de 750.000 euros. Nesta mesma liña, explicou que este programa de apoios ten como fin mellorar estas infraestruturas termais para converter ao sector nun auténtico revulsivo para a dinamización económic dos concellos galegos que contan con este tipo de recursos.
Manuel Pardo concretou que as axudas están dirixidas ás entidades locais galegas que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais. Tamén detallou que entre as actuacións subvencionables están a adquisición e instalación de caudalímetros, sistemas de bombeo ou equipos de medición; colocación de sinalética; obras de acometida e canalización de augas; melloras de espazos verdes, instalacións de lecer e das condicións de accesibilidade e seguridade; así como actuacións en vestiarios, duchas e aseos e mesmo en peches perimetrais. A intensidade das axudas será dun 80 % do importe total das actuacións subvencionables cun máximo de achega de 200.000 euros
O representante do Goberno galego rematou poñendo en valor que Galicia foi pioneira en España coa Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, aprobada no ano 2019, ao impulsar un crecemento ordenado e seguro deste sector, tendo en conta que nos últimos anos a demanda deste tipo de turismo xerou a proliferación de proxectos turísticos relacionados con augas termais con finalidade lúdica e a configuración dun novo mapa termal na nosa comunidade.