O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño vén de difundir un comunicado no que denuncia “a opaca xestión municipal” do actual goberno “híbrido” integrado polo PSdeG-PSOE e o Partido Popular, ao que esixen “transparencia e o dereito a seguirmos informados, tanto por formarmos parte da oposición, representando a unha boa parte da veciñanza, como por sermos nós tamén parte desa veciñanza”.
“Proba da nosa denuncia fica demostrada na actuación, diante da posibilidade do paso de liñas de alta tensión polo municipio, coa sinatura de acordos ocultos coas empresas promotoras e coa negación de información destes acordos, tanto á veciñanza como aos representantes políticos da oposición”, subliña o responsable local do BNG, Manuel Chan.
E lembra que “as esixencias da veciñanza e da oposición acabou obrigándoos a actuar, a pesares das evidentes reticencias. Por moito que o intenten, non existe xustificación posíbel. A desculpa dunha suposta protección de datos non pode servir para ocultar información a quen din
querer protexer; tampouco serve a xustificación dunha compensación económica diante dunha agresión ao territorio e á calidade de vida das e dos afectados”.
“Se for un goberno serio e responsábel, diante da existencia dun proxecto destas dimensións, debería actuar con contundencia, amosando unha total oposición, informando á veciñanza e traballando social e politicamente para evitar a súa execución e non permanecer calado e inactivo”, engaden dende a formación nacionalista, e pregúntanse “Qué se agocha neste silencio? Que se agocha nesta inacción?”.
Manuel Chan apunta tamén que “outro exemplo deste ‘peculiar’ facer municipal son os recentes traballos no Parque Municipal, denunciados a pasada semana pola nosa organización, solicitando a documentación que puider xustificar o que nós consideramos atentado ao noso patrimonio natural e do que aínda a día de hoxe seguimos agardando unha reposta”.